A mocidade do Irixo coñece as liñas básicas do proxecto EmprendOU

Ourense, 11 de xaneiro de 2020.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, mantivo hoxe un encontro na Casa Cosistorial do Irixo coa mocidade do municipio, convocada polo alcalde do mesmo, Manuel Cerdeira, para explicarlle as liñas básicas do proxecto EmprendOU co obxectivo de "facer chegar a iniciativa á poboación destino das axudas deste programa que puxemos en marcha desde a Deputación de Ourense para afrontar o reto demográfico", explicou Luz Doporto.

Este tipo de encontros resultan fundamentais para "poder chegar á mocidade á que vai dirixida este proxecto, iniciativa á que se están a unir numerosas propostas empresariais na provincia, porque o potencial do rural é infinito e con estas axudas colaboramos no asentamento da mocidade no rural ourensán", engadiu a deputada provincial.

O proxecto EmprendOU concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.