Convocadas as axudas a deportistas ourensáns cualificados 2018-2019

  • O orzamento total destinado para esta finalidade ascende aos 30.000 euros.

  • O prazo para presentar as solicitudes finalizará o vindeiro 15 de xaneiro de 2020.

Ourense, 26 de decembro de 2019.- A Deputación de Ourense convoca, un ano máis, as axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2018-2019, tal e como publicou o Boletín Oficial da Provincia nº 289, o 18 de decembro. O orzamento total destinado para estas axudas ascende aos 30.000 euros.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas que sexan deportistas federados, de categorías de base ata absoluta, e exclusivamente de modalidades deportivas individuais de nacionalidade española ou residentes legais en España, que cumpran algún dos seguintes requisitos: que posuíran ficha federativa por algún club deportivo da provincia de Ourense durante a temporada 2018-2019, ou aqueles deportistas que non posúan licenza federativa por ningún club ourensán na temporada 2018-2019 pero, malia o anterior, se mantivesen vinculados ao deporte ourensán durante esa temporada, sempre que exista unha causa xustificativa do feito de que non dispoñan de licenza federativa nun club ourensán, como a inexistencia de clubs ourensáns desa disciplina ou especialidade deportiva, a inadecuación destes clubs para o seu nivel de rendemento deportivo ou a necesidade de residir fóra de Ourense por motivos familiares, laborais ou académicos, ou calquera outra causa que xustifique a dita circunstancia.

Os interesados en solicitar ditas axudas poden facelo ata o vindeiro 15 de xaneiro de 2020.