A figura do autor da Esmorga, recollida no catálogo "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor"

  • Rosendo Fernández e Carlos Laíño presentaron hoxe esta publicación e clausuraron a exposición que amosou retratos e caricaturas de Blanco Amor, realizados por Siro López, así como unha colección bibliográfica de máis de 200 volumes sobre Eduardo, traballo realizado por Carlos Laíño.

Ourense, 16 de decembro de 2019.- A figura do autor da Esmorga está recollida no catálogo "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor", presentado hoxe, no centro cultural "Marcos Valcárcel", polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e Carlos Laíño. Na presentación tamén foi clausurada a mostra, organizada pola Fundación Blanco Amor para conmemorar o 40º aniversario do pasamento de Blanco Amor, que amosou aos visitantes os retratos e caricaturas de Blanco Amor, realizados por Siro López, e unha colección bibliográfica sobre Eduardo, de máis de 200 volumes, traballo realizado por Carlos Laíño.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta exposición mostrou "aos centos de visitantes que por ela pasaron, a intelectualidade e a figura poliédrica do autor que elevou a Auria a cidade literaria". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que a relación da Deputación de Ourense con Eduardo Blanco Amor e o seu legado é "indisoluble" porque o autor da Esmorga "sempre levou con orgullo e satisfacción a Ourensanía dentro e fóra de Ourense".

O catálogo da mostra enumera toda a obra de Blanco Amor e as portadas do material que se exhibe na exposición, así como unha bibliografía imprescindible e básica para afondar na figura de Eduardo Blanco Amor. Carlos Laíño explicou que o catálogo ten tres partes: a parte de Siro, os libros que están expostos nesta mostra e unha bibliografía, polo tanto, é "unha ferramenta de traballo para todos os que queiran afondar na vida de Eduardo Blanco Amor".

Pola súa parte, Siro sinalou, a través dun escrito ao que deu lectura Carlos Laíño, que nas láminas deste catálogo "verei moitos bosquexos que fixen de cada orixinal aquí exposto. E recordarei como e por que os concibín así". "No conxunto recollido nas páxinas deste fermoso catálogo está o meu Eduardo. Desexo e espero que sexa tamén o Eduardo de todos. O noso Eduardo", engadiu Siro.