Aprobadas as bases para a concesión de axudas para actividades escénicas e musicais e para o termalismo saudable e a cultura termal na provincia no 2020

Ourense, 13 de decembro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento das actividades escénicas e musicais, así como tamén para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal na provincia de Ourense no exercicio 2020.

O obxectivo das primeiras bases, citadas anteriormente, é o financiamento parcial da realización de actividades escénicas e musicais con carácter público na provincia de Ourense, promovidas por persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade xurídica, domiciliadas fiscalmente na provincia de Ourense. O orzamento dispoñible para a concesión destas axudas ascende aos 120.000 euros, sendo a contía máxima das axudas do 50% do custo total de cada actuación, correspondéndolle ao promotor da mesma o pago do 50% restante.

Os custos totais para cada unha das actuacións son de 900 euros para bandas de música (se son 26 ou máis integrantes engadiranse 25 euros por cada integrante ata o máximo de 50 membros), grupos de gaitas (ata 5 compoñentes) 300 euros, bandas de gaitas (máis de 5 compoñentes) 300 euros (máis 25 euros por cada compoñente que exceda de 5 ata un tope de 25 membros), charangas de ata 10 compoñentes son 500 euros e máis de dez membros son 650 euros, para orfeóns e corais a axuda será de 650 euros ao igual que para as "rondallas" e tunas, para os grupos de folk, rock, jazz, pop e similares será de 900 euros, e axudas de 600 euros para os grupos de danza folclórica, grupos de teatro, magos, pallasos, e malabares.

O prazo para presentar a solicitude para alta como beneficiario directo destas axudas estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no BOP e ata o día 20 de decembro de 2020.

Pola súa parte, as outras bases reguladoras aprobadas hoxe son para a concesión de axudas para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal na provincia de Ourense correspondente ao exercicio 2020. O obxecto destas axudas é fomentar o ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia de Ourense.

A Deputación, a través desta convocatoria, concederá axudas para os seguintes programas: o programa de termalismo saudable, na modalidade de estancias balnearias con ou sen servizo de transporte en tres e na modalidade de tratamentos terapéuticos sen estancia; e o programa de cultura termal. A realización das estancias ou recepción dos tratamentos subvencionados a través destes programas terá lugar ao día seguinte ao da publicación destas bases e ata o dia 15 de decembro de 2020, nas datas elixidas polos solicitantes nos períodos ofertados para cada programa. Os períodos das estancias no programa de termalismo saudable iniciaranse un luns, día de chegada, e ata o sábado, día de saída. E no programa de cultura termal iniciaranse un sábado, día de chegada, ata o domingo, día de saída.

Os requisitos para beneficiarse destas axudas son non padecer enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a normal convivencia nos establecementos balnearios, ser persoa válida para as actividades da vida diaria e no caso do programa de termalismo saudable, ter cumpridos ou cumprir no 2020, cincuenta anos de idade, mentres que no programa de cultura termal o requisito é ter cumpridos, cando menos, 18 anos de idade. A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 95.000 euros.

Cooperación cos concellos

En materia de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 50.000 euros para o Concello de Melón destinada á mellora de cadros eléctricos. Pola súa parte, o Concello de Muíños recibirá unha achega de 35.000 euros para un tractor rozadora, mentres que o Concello de San Cristovo de Cea terá unha axuda de 20.000 euros para actividades de colaboración coa IXP Pan de Cea. Por último, para o Concello de Xinzo de Limia aprobouse unha axuda de 35.000 euros para as pistas de padel.