A comarca de Allariz – Maceda coñece o proxecto EmprendOU da Deputación

Ourense, 12 de decembro de 2019.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, explicou hoxe, no salón de plenos do Concello de Maceda, o proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local dos municipios que conforman a comarca Allariz-Maceda.

Luz Doporto está a realizar unha rolda de visitas polas distintas comarcas da provincia co fin de expoñer as liñas básicas deste proxecto posto en marcha pola Deputación para afrontar o reto demográfico apoiando a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.