O Ourense Rural Summit clausúrase coa firma da Declaración de Santo Estevo para unha Axenda Rural Europea

 

  • Este documento, asinado polos participantes, marca a folla de ruta de sete puntos para o RIO International Observatory of Rural Research.

  • Manuel Baltar lembrou que a maior parte do territorio europeo é rural, por elo afirmou que o Ourense da actualidade, "as súas perspectivas poboacionais e socioeconómicas, será a Unión Europea do 2050" apostando por ser o "laboratorio" para ensaiar políticas para asumir unha realidade que coñecemos mellor que ninguén.

Ourense, 31 de outubro de 2019.- O Ourense Rural Summit, logo de tres días de intensa actividade, pechouse hoxe, no parador de Santo Estevo, coa sinatura por parte dos seus participantes da Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Europea. Esta declaración, asinada polos participantes, marca a folla de ruta de sete puntos para o International Observatory of Rural Research, promovido polas dúas institucións, subliñando "o impulso dos territorios rurais é clave para o futuro da economía, a sociedade e o medio".

O Ourense Rural Summit, organizado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, foi clausurado hoxe polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que asinaron a declaración, e a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, encargada de ler o documento baseado nas achegas realizadas por preto de 130 especialistas de dez países que participaron neste congreso internacional sobre medio rural.

Manuel Baltar lembrou que a maior parte do territorio europeo é rural afirmando que "estamos no medio rural, estamos nunha provincia rural, pero estamos tamén nunha Comunidade Autónoma que tamén é rural, nunha España rural e nunha Europa onde o 80% do territorio é rural". Por elo, indicou que o Ourense da actualidade, "as súas perspectivas poboacionais e socioeconómicas, será a Unión Europea do 2050", apostando por ser o "laboratorio" para ensaiar políticas "para enfrontarnos a unha realidade que está aí e que aquí coñecemos mellor que ninguén".

Así mesmo, o presidente do goberno provincial salientou a importancia de que Observatory of Rural Resarch "non só se focalice en Ourense, senón nun rural internacional que está ávido de coñecer respostas e solucións para medrar". Neste mesmo sentido, o reitor da Universidade de Vigo recalcou que "un dos retos máis importantes que ten a sociedade europea, ten que ver co rural e co seu abandono" e, ademais, tamén indicou que nese contexto "Ourense é un bo laboratorio de probas" na busca "dun futuro mellor".

A creación do International Observatory of Rural Research "vai ser de capital importancia" para "propoñer medidas que permitan dignificar a vida no rural, fixar poboación e conseguir unha prosperidade moito maior", engadiu Manuel Reigosa. O obxectivo, polo tanto, deste Observatorio é "liderar unha evolución do rural en positivo" e actuar como axente "multiactor de innovación que impulse procesos participativos de transformación rural baseándonos no coñecemento científico", dixo María Isabel Doval.

A vicerreitora explicou que froito deste encontro participativo internacional marcáronse para este observatorio seis grandes metas como son: a transición ecolóxica e xusta; a atención integral ao envellecemento; o cambio demográfico e o despoboamento; o desenvolvemento intelixente dos territorios; a calidade e seguridade alimentarias e comunidades igualitarias e inclusivas. Ademais, os especialistas definiron tres grandes áreas de innovación para o Observatorio: a economía rural, o segundo polo de innovación é o social e o terceiro gran polo identificado é o medio ambiente e o cambio climático.

As propostas da Declaración de Santo Estevo

Na Declaración de Santo Estevo de Ribas de Sil por unha Axenda Rural Europea, os asinantes declaran "que unha política rural innovadora, coherente e integradora debe inspirarse" nas medidas propostas neste documento e "que teñen que ser abordadas desde unha axenda rural europea necesaria para afrontar os retos do rural". A primeira das medidas contempladas é "impulsar a creación de ecosistemas de innovación rural a través do desenvolvemento e integración de solucións baseadas no coñecemento social, científico e tecnolóxico". A segunda é "revitalizar os territorios, apostando por novos investimentos e modelos que xeren valor engadido para a sociedade en áreas como o emprendemento, os servizos básicos, a sociedade do coñecemento e o desenvolvemento das competencias sociais, persoais e profesionais ao longo da vida".

A terceira das propostas recollidas é "reivindicar unha alta calidade de vida como elemento competitivo das zonas rurais que poda atraer e fixar poboación moza" e a cuarta "preservar e dar valor ao patrimonio natural e cultural do medio rural para garantir o seu desenvolvemento endóxeno e unha xestión sustentable dos recursos naturais". A quinta é "apoiar a loita contra o cambio climático con accións que axuden a mitigar e adaptar os territorios aos seus efectos, pondo en valor o potencial de sectores como a enerxía renovable, a bioeconomía e a economía circular" e a sexta "impulsar as cadeas de valor rural e examinar as novas oportunidades de negocio para as empresas de todos os sectores". A última das medidas recollidas no documento é "apostar por unha gobernanza local máis moderna e áxil introducindo elementos participativos da cidadanía e mellorando as capacidades das administracións públicas para simplificas os trámites burocráticos". Por último, a declaración tamén fai fincapé en que "consideramos necesaria a creación dunha axenda rural europea que actúe como marco de acción para o deseño das políticas do medio rural".

A xornada do 30 de outubro

O mércores tivo lugar unha serie de Conversas Simultáneas nas que participaron investigadores da Universidade de Dublín, da Universidade Pablo Olavide e representantes da Secretaría do Comité de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo e de European Network for Rural Development.

Tralas Conversas, os participantes foron a unha actividade de inmersión local consistente en realizar unha plantación nunha parcela que cedeu a comunidade de montes de Santo Estevo. Nesta intervención plantáronse árbores e arbustos para crear un ecosistema como bidueiros, castaños, acivros, loureiros, abeleira..., e crear un bosque. Esta actuación enmárcase dentro do espírito do OURS de ser un evento sustentable e permite compensar a súa pegada ecolóxica.

Pola tarde, tivo lugar un Open Space, unha tecnoloxía social para a activación da intelixencia colectiva dos expertos reunidos no OURS. Consiste na co-creación da axenda do día a través de temas propostos polas propias persoas participantes nela e enmarcada baixo unha pregunta paraugas: Que temas, ideas ou proxectos son fundamentais explorar neste Summit para contribuír á creación do RIO International Observatory of Rural Research?

Intervencións Finais

O programa do xoves iniciouse con Federico Mallo, Catedrático de Endocrinoloxía do CinBIO da Universidade de Vigo presenta a Rebecca Schiff, da Universidade Lakehead de Canadá, falou aos presentes sobre saúde e sustentabilidade remota no rural: desafíos e solucións para acadar a equidade na saúde. Nela, Rebecca comentou a importancia de reducir as disparidades sociais e sanitarias entre os entornos rural e urbano, apostando pola captación de xente do rural para formarse como profesionais do ámbito sanitario.

Nas Conversas Simultáneas Ana Caamaño, técnico da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo introduciu a Leonardo Vieira que presentou a conferencia mellorando a igualdade a través da saúde rural e a educación médica rural e trasladou aos participantes a deficiencia da ratio de profesionais médicos por habitante no rural fronte ao urbano. Na sesión participou tamén Ricardo Fra, da consultora de innovación social Activiza! que nos falou dos proxectos de innovación social baseados en necesidades inherentes ao proceso de envellecemento poboacional. Ricardo fixo fincapé na silver economy, na transformación dixital, nas comunidades amigables, nos proxectos de vida con establecemento de novos roles e nos modelos de coidados diferenciados.

Na segunda das Conversas do día, Ana Fernández da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo preside a mesa onde participan Jorge Domínguez do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo e Paul Swagemakers, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. Jorge falou sobre as miñocas de terra, viñedos saudables e viños naturais e Paul das novas rutas agrarias: a vida na terra coma oportunidade. Domínguez presentou as investigación que están a realizar, en colaboración con empresas vinícolas, sobre o efecto do vermicompostaxe nos seus produtos finais. A filosofía da súa investigación parte de usar a propia planta para tratala. Pola súa parte, Swagemakers subliñou a importancia de fomentar os procesos circulares nas novas sendas agrarias cunha proposta en torno a ampliación, profundización e re-cimentación dos ecosistemas rurais.

Por último, Fernando R. Méndez, responsable de prensa da Deputación de Ourense, xunto con Ana I. Gracia representante da Rede de Xornalistas Rurais, falaron de A imaxe do rural nos medios. Cara e cruz informativa e con Luis Domínguez, que tratou o tema de mundo rural: impulsar a cohesión territorial e responder ao reto demográfico. Gracia animou aos presentes a elaborar un plan de comunicación sobre os proxectos co fin de contar as historias que acontecen no rural e Domínguez comentou que o rural debe dar innovación, calidade e gobernanza e debe recibir un marco normativo, políticas públicas dotacionais e promocionais.