"Cata a arte" harmonizará os viños do Ribeiro con accións culturais no "Marcos Valcárcel"

  • A sexta edición deste ciclo traerá ao centro cultural poesía, monólogos, country e jazz, e destinará os donativos recadados á ONG Cáritas de Ourense.

Ourense, 31 de outubro de 2019.- A sexta edición do ciclo "Cata a arte" harmonizará, un ano máis, os viños do Ribeiro con accións culturais no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, tódolos xoves do mes de novembro. A presentación desta nova edición tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Armando Ojea; o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares; e do equipo de coordinación de Programas de Cáritas, Mari Carmen Alonso.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense destacou o "carácter solidario" desta iniciativa gratuíta na que os asistentes poderán realizar donativos anónimos que se destinarán integramente á ONG Cáritas de Ourense. Neste sentido, Mari Carmen Alonso agradeceu que se destine o recadado a Cáritas de Ourense e animou a outras entidades "a sumarse a este compromiso social".

"Cata a arte" é un evento "firmemente asentado que consiste na maridaxe entre tres artes: as exposicións do centro cultural, o desfrute do viño e outras actividades culturais como música, monólogos ou poesía", explicou Armando Ojea. Nesta sexta edición, catro adegas "que representan a esencia do Ribeiro e amosarán aos participantes unha idea da calidade e do traballo da nosa Denominación de Orixe", dixo Juan Manuel Casares, presentarán os seus viños os xoves 7, 14, 21 e 28 de novembro, ás 20:00 horas, nun ambiente no que ás exposicións do centro cultural hai que engadirlles diferentes actuacións.

O programa de actividades do ciclo comezará o primeiro xoves con poesía da man de Armando González, Pepa Álvarez e Benito Eladio Rodríguez e acompañados polo viño da Adega Arco da Vella a Adega de Eladio. Ao xoves seguinte, 14 de novembro, será a quenda para os viños da Adega Catro Parroquias acompañados por un monólogo a cargo de Alberte Montes. O 21 de novembro chegará a música da man da banda Os Forasteiros para acompañar os viños da Adega Alberte e o último xoves do mes, 28 de novembro, presentarán os seus viños a Bodega Alanís acompañados pola música de 4Mal Quartet Jazz. As catas serán gratuítas pero os asistentes terán a posibilidade de realizar donativos que, nesta edición, irán destinados á ONG Cáritas de Ourense.