O Ourense Rural Summit contribúe á xeración de novos proxectos de ecoinnovación rural

  • Na segunda xornada do congreso, expertos universitarios, emprendedores rurais e empresas da contorna definen os retos do futuro máis inminente do mundo rural.

  • O International Observatory of Rural Research será o encargado de liderar proxectos de innovación social que potencien as posibilidades do rural.

Ourense, 30 de outubro de 2019.- A segunda xornada de traballo do Ourense Rural Summit (OURS) converteuse nun encontro participativo onde expertos de diferentes áreas traballan na procura de identificar os retos do medio rural en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a busca de solucións compartidas, co o obxectivo de que propoñer ao International Observatory of Rural Research (RIO) que a provincia de Ourense sexa un laboratorio de ecoinnovación rural.

Onte pola tarde, na primeira xornada do OURS, celebráronse as primeiras Conversas Simultáneas, cuxa finalidade é compartir experiencias sobre innovación no mundo rural. Na primeira Conversa, presentada por Anna Champeney, Katarin Tausz, directora do Instituto de Estudos Socias da Universidade Eötvös Loránd de Hungría, falouse sobre Pobreza no mundo rural enfatizando que "no rural hai máis carencias" e que existían certos estereotipos do rural que non se compren, xa que non teñen tanto que ver coa dualidade urbano-rural senón coa riqueza-pobreza. Tamén Manuel Blanco Desar, co seu relatorio Sembrar porvenir: agro vivo puxo o foco en "que non é posible arranxar os problemas do rural europeo senón se cambia a política agraria común" e que "hai que investir no rural aínda que non haxa retorno a curto prazo".

Na segunda Conversa presentada por Belén Rubio, vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo, Débora Iglesias-Rodríguez da Universidade de California tratou o tema dos Océanos asfixiantes para a vida mariña e outras verdades inconvenientes e achegou aos presentes problemáticas como a acidificación oceánica e como os microplásticos afectan a comunidades rurais pesqueiras. Por outra banda, Iria García, investigadora do departamento de economía aplicada da Universidade de Vigo, presentou o seu estudo O papel das confrarías de pescadores de Galicia na protección dos recursos mariños e consecución da equidade: vantaxes e limitacións e como esta fórmula de economía social se adapta continuamente para facilitar a súa continuidade.

A última das Conversas, Esther de Blas vicerreitora do Campus de Vigo presentou a Juanjo Manzano e Conce Macías, de AlmaNatura, unha empresa social de Arroyomolinos de León (Huelva) que traballa fixando poboación no rural deseñando alianzas público-privadas para empoderar ás persoas. Nas súas propias palabras, "queremos lograr o desenvolvemento dos pobos a través das persoas". Nesta Conversa tamén participou Aser Álvarez, director do FIC Rural o Foro Internacional sobre a Cultura e a Economía Rural que ten lugar en Compostela. Aser falou da importancia da "reactivación do mundo real como parte fundamental para os retos globais en tódolos ámbitos, tamén no da sustentabilidade" xa que "o universal é o local sen paredes". Tras esta sesión comezaron os grupos de traballo, centrados en identificar os retos do rural en relación aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e identificar proxectos de innovación rural aplicables a este ámbito territorial.

Segunda xornada do OURS

A xornada iniciouse hoxe coa charla experta de Deirde O'Connor da Universidade de Dublín, sobre Seguridade alimentaria, pobreza alimentaria e política alimentaria: implicacións para as comunidades rurais no contexto europeo. Nela abordou temas coma a importancia de poñer en marcha iniciativas agrícolas soportadas pola comunidade, políticas alimentarias locais e, sobre todo, axudas públicas para granxas familiares pequenas. Todo elo porque "é necesario garantir o acceso a iniciativas alimentarias nas áreas rurais remotas".

Nas Conversas Simultáneas de hoxe, Eva Garea Oya, da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo, presenta a Manuel González da Universidade Pablo Olavide e o seu relatorio de perfís da contemporánea: mais alá da idealización e os tópicos do despoboamento. Manuel compartiu cos asistentes os rasgos identificativos do medio rural (envellecemento, mobilidade, desigualdade de xénero...) e tamén nos trasladou a importancia de comprender o modelo de distribución poboacional no marco da globalización. "Este cambio na estrutura social pode provocar maior desigualdade".

Jérémie Réquis, da Secretaría do Comité de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, falou sobre o estado da reforma da PAC 2021-2027, que pretende dar resposta aos desafíos institucionais, ecolóxicos, xeopolíticos e macroeconómicos. Por outra banda, Xesús Morales tamén da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo, presentou a conferencia Unha Asociación por e para O Courel, e Enrique Nieto, de European Network for Rural Development, falou sobre proxectos de smart villages e ecosistemas de innovación rural, explicando o concepto de vilas intelixentes.

Pola tarde, os participantes realizarán unha actividade de inmersión local consistente en reacondicionar unha zona forestal queimada. Esta actividade ten un dobre obxectivo, por unha banda contribuír activamente á recuperación dunha zona rural devastada polo lume e, por outra, compensar a pegada ecolóxica do evento.