Larouco dará a coñecer o seu patrimonio natural a través dun evento deportivo

  • A Deputación de Ourense colabora coa andaina e o trail popular que acollerá este municipio o vindeiro sábado, 2 de novembro e que rematarán coa celebración dun magosto.

Ourense, 29 de outubro de 2019.- O Concello de Larouco dará a coñecer o seu patrimonio natural a través dun evento deportivo que ofrece aos participantes dúas probas non competitivas: unha andaina de 9 quilómetros de percorrido e un trail popular de 10 quilómetros. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; e o director de proxectos de Zona 360 Valdeorras, David Álvarez.

A Deputación de Ourense colabora con esta proposta deportiva que ten a peculiaridade de que ao remate da andaina e do trail, "haberá un magosto con castañas e bolos preñados para tódolos asistentes e como coincide con Halloween, tamén se premiará ao mellor disfraz", salientou o asesor de Deportes da Deputación. Pola súa parte, a alcaldesa de Larouco dixo que se trata "dunha festa do deporte en Valdeorras que busca dinamizar e dar a coñecer as paisaxes e os montes do noso municipio". Asemade, Patricia Lamela explicou que esta iniciativa "desenvolvémola por primeira vez e en horario de tarde para que a xente poida gozar dunha xornada festiva en familia".

A xornada comezará ás 16.00 horas e a saída das probas será ás 16.30 horas desde a praza do Concello de Larouco. Durante o magosto, a música correrá a cargo do grupo "Os Bertolini". "Ata o momento contamos con máis de 70 inscritos, pero os interesados en participar aínda poden anotarse ata o 31 de outubro a través da páxina web avaibooksports", dixo David Álvarez. As inscricións tamén poderán realizarse presencialmente en Zona 360, Trisport O Barco, Fisioval, Trisport A Rúa, e no Concello de Larouco ata esa data. O custe da inscrición é de 10 euros para andaina, 12 euros para o trail e de balde para os menores de 12 anos.