Expertos de España e Portugal debaterán no 1º Congreso Ibérico de turismo deportivo

  • Manuel Baltar salientou na presentación do evento "a estratexia da Deputación de Ourense polo turismo deportivo, unha provincia que se está a consolidar neste ámbito e que será referente nun sector que en España xera ingresos de preto de 14.000 millóns de euros anuais".

Ourense, 28 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Expourense na presentación do 1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, que se celebrará no recinto feiral ourensán os vindeiros 14 e 15 de novembro. O acto contou tamén coa participación do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; a concelleira de Turismo do Concello de Ourense, Flora Moure, e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

O presidente do goberno provincial salientou "a estratexia da Deputación de Ourense polo turismo deportivo; así presentamos en Fitur hai uns anos á provincia de Ourense como escenario para o deporte a todos os niveis: deportes de inverno, na estación de montaña de Manzaneda; os deportes náuticos, sinaladamente remo e piragüismo; as etapas da "Vuelta" a España; a pista de atletismo de Expourense; as probas de BTT e o Rally de Ourense, entre outras moitas iniciativas que seguen a singularizar á nosa provincia como un destino de turismo deportivo, cultural, natural e termal", expresou Manuel Baltar, remarcando que a "marca Ourense" "caracterízase tamén pola innovación aplicada ao turismo", un ámbito no que destaca o proxecto "Hay un Ourense para ti, descúbrelo", unha plataforma de turismo intelixente que ten como obxectivo achegar aos usuarios un turismo provincial máis interactivo e innovador, con aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados".

Baltar afirmou que a iniciativa de Ourense como destino de turismo deportivo "consolidarase co tempo, e o noso territorio será referente nun sector que en España xera ingresos de preto de 14.000 millóns de euros anuais", algo que coa chegada da Alta Velocidade á nosa provincia multiplicará as posibilidades de Ourense, que xa pode presumir hoxe dos mellores datos turísticos da súa historia", valorou o presidente da Deputación.

O congreso, co-organizado pola Deputación de Ourense a Xunta de Galicia e Expourense, contará cunha vintena de expertos, de España e Portugal, que presentarán ao turismo deportivo como unha ferramenta de desenvolvemento e diferenciación dos destinos turísticos, e vai dirixido a profesionais do sector do deporte e o turismo, así como a alumnado e profesores de ensino deportivo e administracións públicas con competencia en deporte e turismo. O congreso desenvolverase paralelamente á terceira edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo.

Os temas que centrarán o debate no congreso refírense á análise das sinerxias entre turismo e deporte e as oportunidades económicas que xeran, e tamén aos efectos que producen estas actividades na dinamización das zonas rurais, un programa que se divide en cinco eixes temáticos: políticas públicas, turismo activo e náutico, eventos deportivos, desenvolvemento de destinos e simbiose entre deporte e turismo.