Dous eventos deportivos amosarán o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico da Merca

  • A Deputación de Ourense colabora coa X andaina e co I "Parroira Trail" que se celebrarán o 27 de outubro e o 3 de novembro, respectivamente.

Ourense, 22 de outubro de 2019.- A X andaina e o I "Parroira Trail" amosarán, o 27 de outubro e o 3 de novembro, respectivamente, o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico do municipio da Merca. A presentación destes eventos deportivos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de Alcalde da Merca, José Manuel Taín; o secretario e o vogal da Asociación Deportiva Ovala2, José Ribo e Alberto Taín; e en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Manuel Pérez.

Ambos eventos, cos que colabora a Deputación de Ourense, aglutinan "deporte e natureza e contribúen a dinamizar o territorio", sinalou Rosendo Fernández. A X andaina, que organiza o Concello da Merca, ofrece un percorrido de 15 quilómetros de dificultade media que pon en valor "o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico do municipio", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense. A saída da proba será o 27 de outubro, ás 9.00 horas, desde o local social de Rubillos. Os interesados en participar na andaina poderán inscribirse ata o 25 de outubro ás 13.00 horas no Concello ou o mesmo día da andaina ata 30 minutos antes. O prezo da inscrición é de 5 euros.

Pola súa parte, o I "Parroira Trail", organizado pola Asociación Deportiva Ovala2 e o Concello da Merca, comezará ás 9.30 horas, o 3 de novembro, no pavillón municipal da Merca. O evento ofrece dous posibles percorridos de 14 e 28 quilómetros que discorren por camiños, sendeiros e corredoiras do municipio da Merca e A Bola, sendo o río Arnoia o protagonista en diferentes tramos da proba que tamén atravesará a Reserva da Biosfera, coa principal presenza do "Canal do Ruca", pasará polo pobo abandonado da "Ponte Ermida", a "Fonte dos Ollos" e pola agrupación de Canastros da Merca, explicou José Ribo.

O trail, que se desenvolverá na modalidade por parellas, discorrerá por "unha paraxe peculiar e única, idónea para calquera actividade deportiva", dixo Alberto Taín, quen engadiu que o obxectivo é "continuar a mostrar a riqueza natural do municipio a través deste tipo de eventos". Actualmente, están inscritos no trail "116 persoas", dixo José Ribo, pero os interesados en participar teñen de prazo ata o 29 de outubro para anotarse, por un custe de 15 euros, na páxina web www.galitiming.com.