Cristina Castaño recibe o Premio OUFF Televisión como recoñecemento á súa traxectoria na pequena pantalla

Ourense, 3 de outubro de 2019.- A actriz Cristina Castaño recibiu este xoves no Teatro Principal de Ourense de mans do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o Premio OUFF Televisión -galardón de nova creación no Ourense Film Festival- que recoñece a traxectoria da actriz na pequena pantalla. "Xa é bonito que che dean un premio, pero o é máis cando é a primeira vez que o dan" afirmou a intérprete, natural de Vilalba.

Co premio OUFF Televisión, que se entrega por primeira vez na 24ª edición, o festival aposta por sumarse ao impulso que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, nunha dinámica con recursos e narrativas propias do cinema á que se está incorporando o audiovisual galego.

"Din que un non é profeta na súa terra pero eu non me podo sentir máis querida nela. Estou a cumprir soños pero aínda me quedan moitos", comentou Cristina Castaño, á que podemos ver no papel de Macarena na nova serie de Antena 3 "Toy Boy". Tamén resaltou como "se están desdebuxando as fronteiras entre cine e televisión, sobre todo, grazas ás plataformas. Antes a televisión estaba como deostada e agora ata os grandes actores de Hollywood están a facer series".

Cristina Castaño é unha das caras máis recoñecidas da televisión por papeis en series tan populares como "Pratos Combinados", "Al salir de clase" ou "La que se avecina". Tamén en películas como "Nacida para ganar" ou "Lo dejo cuando quiera"; en teatro con "Cabaret" foi recoñecida como mellor actriz revelación nos Premios do Teatro Musical e agora mesmo está coa obra "Quen é o señor Schmitt?" dirixida por Sergio Peris-Mencheta. A gala de hoxe rematou coa proxección de "Elisa e Marcela", de Isabel Coixet, en galego e en cor, por primeira vez.