O X Encontro Internacional de Poesía homenaxea ao ourensán Víctor Campio engadindo o seu nome a todas as edicións

  • Organizado polo Círculo Poético Ourensán, coa colaboración da Deputación e do Concello de Ourense, no evento participan poetas de España, México, Angola, Portugal e Cuba.

  • O programa de actividades inclúe, desde mañá xoves e ata o domingo, visitas a colexios, roteiros polo casco vello da capital, recitais e unha gala no Liceo.

Ourense, 2 de outubro 2019.- Coa participación de poetas de España, México, Angola, Portugal e Cuba, o Círculo Poético Ourensán celebrará desde mañá xoves e ata o domingo a décima edición do Encontro Internacional de Poesía, que a partir deste momento engadirá de xeito permanente á súa denominación o nome do escritor e poeta ourensán Víctor Campio Pereira, falecido o pasado ano.

O Pazo provincial acolleu hoxe a presentación deste encontro, do que o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou "a súa aportación ao coñecemento e difusión da creación poética, con especial atención, grazas a un intenso programa de actividades, ao ámbito escolar".

No acto de presentación tamén estiveron presentes Armando Ojea, vicepresidente segundo da Deputación, en representación do Concello de Ourense como outra das institucións colaboradoras do evento, quen tivo un recordo persoal para Víctor Campio "como un dos mestres que tiven na miña etapa escolar"; o presidente do Círculo Poético Ourensán, José Ramón Fernández; e a secretaria desta entidade, María Méndez.

José Ramón Fernández, quen agradeceu á familia de Víctor Campio a súa total colaboración para que o Encontro Internacional de Poesía leve o nome do poeta ourensán, así como a colaboración da Deputación e do Concello de Ourense, detallou un amplo programa que comezará mañá mesmo coa visita aos colexios Mestre Vide e Manuel Sueiro, ademais dos centros educativos Amadeo Barroso, Salesianos, Josefinas, Cisneros e Santo Ángel, xa na xornada do venres.

Espectáculos de poesía e música, un roteiro poético polo casco vello da cidade e un recital en Barbadás son outras das actividades previstas para os próximos días, destacando a gala que o sábado, día 5, se celebrará no Liceo e durante a que se entregarán os premios "Círculo Poético Ourensán" de promoción e difusión da poesía e no que tamén participaron alumnos de primaria de varios colexios.