Xunqueira de Espadanedo mestura paisaxe, espectáculo e deporte no Campionato de Galicia de descenso BTT

  • Nun espectacular circuíto, segundo organizadores e corredores, e coa presenza de especialistas de primeiro nivel o domingo día 6 decidiranse os campións galegos desta modalidade e da Copa Galicia.

  • Como novidade, o sábado, día 5, os afeccionados poderán realizar rutas polo concello para probar bicicletas eléctricas e asistir a un concurso de saltos no que participarán corredores do "Marisquiño" coas súas espectaculares acrobacias.

Ourense, 2 de outubro 2019.- O Concello de Xunqueira de Espadanedo será esta fin de semana -5 e 6 de outubro- o punto de atención dos afeccionados ao ciclismo de montaña coa celebración do Campionato de Galicia de Descenso BTT, que se desenvolverá nun espectacular circuíto, segundo organizadores e corredores, coa presenza de especialistas de primeiro nivel e na que se decidirán os campións galegos e da Copa Galicia.

A sala da xuntas do Pazo provincial acolleu hoxe a presentación desta proba, coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez; o vicepresidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, César Parente; a secretaria técnica da Federación Galega de Ciclismo, Begoña Carpinteiro; os representantes do Club Ciclista de Maceda, Julio Conde e Jorge Cerdeira; e o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez.

Rosendo Fernández afirmou que "grazas a esta proba Xunqueira de Espadanedo será coñecida en toda Galicia por unha das probas máis importantes desta modalidade ciclista e por un impresionante circuíto, deseñado polo Club Ciclista de Maceda, mesturando paisaxe, espectáculo e deporte". Unhas palabras ás que o alcalde do concello, Carlos Gómez, engadiu o seu desexo de acoller, "canto antes unha proba de carácter nacional", o que segundo o vicepresidente do Consorcio da Ribeira Sacra, César Parente, "tamén permitirá dar pulo a esta zona desde o ámbito deportivo".

Os representantes do Club Ciclista de Maceda e da Federación Galega de Ciclismo destacaron que se trata da proba máis importante do ano en Galicia, que decidirá non só os campións galegos senón tamén da Copa Galicia.

Coa participación estimada de cen corredores, entre eles estarán presentes especialistas de primeiro nivel, entre eles campións e subcampións europeos na súas respectivas categorías. Os propios corredores cualificaron o circuíto como un dos mellores de España, que permitirá poñer un peche de ouro a esta temporada.

Ademais, nesta edición incorpórase unha novidade para que esta proba non se quede nunha carreira. Así, o sábado, día 5, os afeccionados que o desexen poderán realizar rutas polo Concello para probar bicicletas eléctricas e, ás oito da tarde, logo dos adestramentos, celebrarase un concurso de saltos no que participarán corredores do "Marisquiño" coas súas espectaculares acrobacias.