Presentación da rodaxe da película Olvido y León, de Xavier Bermúdez, no balneario de Laias

  • Manuel Baltar agradeceu ao cineasta ourensán e ao seu equipo artístico e técnico "que desenvolva o seu novo proxecto cinematográfico en Ourense, un Ourense como plató de cine, algo que ten demostrado a nosa provincia ao longo da súa historia".

Ourense, 2 de outubro de 2019.- No marco das actividades da 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) tivo lugar esta mañá, no balneario de Laias, a presentación da rodaxe da próxima película do director ourensán Xavier Bermúdez, Olvido y León, acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do cineasta; do director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, e dos actores protagonistas dos filme: Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras.

Precisamente, o balneario de Laias e a súa contorna, así como outras localizacións da provincia de Ourense, serán o escenario da película, na que o termalismo estará moi presente. Trátase dun proxecto enlazado coa obra cinematográfica máis importante de Xavier Bermúdez, a premiada León y Olvido (2004). Neste sentido, o presidente do goberno provincial destacou "o compromiso de Xavier Bermúdez co territorio ourensán" e dixo que esta nova proposta cinematográfica "suporá unha importante promoción para a provincia de Ourense".

Baltar agradeceu a Xavier Bermúdez e a todo o seu equipo artístico e técnico que desenvolva o seu novo proxecto cinematográfico en Ourense, "un Ourense como plató de cine, algo que ten demostrado a nosa provincia ao longo da súa historia", e citou como exemplos que xa en 1926 "se rodou en Allariz e en Vilanova dos Infantes a curtametraxe A Virxe do Cristal, de Saturio e Manuel Lois Piñeiro; en 1965, Melón acolleu a rodaxe de Cotolay, erguéndose ao carón do mosteiro o maior decorado que ata ese momento se puxera en marcha para un proxecto cinematográfico, reproducíndose a catedral de Santiago no século XII; e falamos de El bosque del lobo (1970), ou da primeira curtametraxe en galego, Retorno a Tagen Ata, de Eloy Lozano; e tamén de parte da rodaxe de Monseñor Quixote (1985), a obra de Graham Greene, asiduo visitante de Oseira; e un Ourense de Sempre Xonxa, película da que celebramos os trinta anos da súa rodaxe cunha exposición no centro Cultural "Marcos Valcárcel", e tamén da Lingua das bolboretas, rodada en Allariz por José Luis Cuerda".

"Un Ourense, en definitiva, con tantos protagonistas e que lidera o cinema en Galicia con este evento que é o OUFF, e no que hoxe presentamos este novo proxecto cinematográfico de Xavier Bermúdez, que a Deputación de Ourense non dubidou en apoiar desde o minuto un", expresou Manuel Baltar, remarcando que esta obra contribuirá a que sigamos falando en Ourense de arte, de cine e de cultura con maiúsculas".

Bermúdez agradeceu "o apoio da Deputación de Ourense e do OUFF e de todas as entidades públicas e privadas que se foron sumando a este proxecto, e que fixeron posible que o vindeiro luns comecemos a rodaxe de Olvido y León". Unha axuda que cualificou de "salvadora" para que se puidese rodar en Galicia. A película terá como protagonistas, como xa acontecera na anterior León y Olvido, a Marta Larralde e Guillem Jiménez, e coa incorporación de Monti Castiñeiras.

Xavier Bermúdez quen fora recoñecido coa "Calpurnia de Honra" na pasada edición do OUFF, afirma que para este novo proxecto "conseguimos formar un equipo técnico e artístico do que me sinto moi satisfeito, e que nos permitirá facer unha película xenuina que contará con moitas novidades e con personaxes que amosan a súa evolución dezaséis anos despois de León y Olvido", dixo o cineasta.