O OUFF 2019 encara a súa 24ª edición como o festival de referencia do cinema de Galicia

  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou como eixo fundamental "facer do festival un lugar de encontro do audiovisual galego".

  • O "Ourense Film Festival" é o único certame de Galicia con sección competitiva en longametraxes e o único que conta con exposicións e publicacións de produción propia.

Ourense, 23 de setembro de 2019.- En vésperas de celebrar o seu cuarto de século, o Ourense Film Festival (OUFF) presenta o programa da súa 24ª edición, que consolida o feito de que se trata dun "festival que pon en valor a Ourense, o que nos é próximo, e as liñas argumentais do festival de cinema de Galicia". Así o destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, no acto de presentación do Ourense Film Festival 2019, ao que tamén asistiron Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; Mateo Alonso, representante institucional de Abanca, e Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF.

O presidente do goberno provincial dixo que o OUFF pon en valor a cartelería do festival como representación artística a través de Alexandro -quen firma o cartel do ciclo Cine e Auga-, e resaltou a vinculación da auga e do termalismo e o seu protagonismo na provincia coa arte do cine. Ademais, salientou a importancia de que o certame destaque as rutas turísticas polos escenarios de cine da provincia de Ourense, así como os vencellos coa hostalería e empresas locais "para vivir o festival dende una perspectiva integramente ourensá". "Son os pilares –dixo Baltar- de acción do OUFF".

Segundo palabras do presidente da Deputación a estes alicerces "súmanse unha perspectiva social" -o OUFF ven de firmar un acordo de colaboración con Unicef- e "un eixo fundamental é facer do festival un lugar de encontro do audiovisual galego", expresou.

O Ourense Film Festival é "o único festival de Galicia con sección competitiva en longametraxes" - sinalou Baltar- pero tamén o único que conta con "exposicións e publicacións de produción propia que completan as actividades paralelas que xunto ás proxeccións a competición e ciclos temáticos conforman o programa do OUFF".

Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, salientou o modelo de festival do OUFF: "Un festival para a provincia, para a cidade e para o país", no que destacou un programa complexo e variado "que implique á sociedade ourensá cunha oferta para todos e para todas".

Novidades: OUFF transmedia e área formativa

Entre as novidades da programación do OUFF 2019 destaca a incorporación de videoclips a competición, a incorporación da ficción televisiva dentro da sección OUFF Transmedia (coas estreas de Pasaporte Galego adicado a Luis Tosar e que foi gravado en parte no OUFF 2018 durante a entrega do Premio Ourense ao actor; e Desaparecidos, a nova serie de Juan Echanove).

Un programa completo, aínda sen pechar, no que ten cabida unha potente área formativa no que destaca o diálogo entre o director Oliver Laxe e a produtora Emma Lustres, de Vaca Films, que terá lugar o vindeiro 29 de setembro, e referencias a grandes cineastas vinculados á provincia como Chano Piñeiro, autores como Eduardo Blanco Amor e emprendores como Eduardo Barreiros. Como novidade este ano, concédese o premio Barreiros á ópera prima "Viaje al cuarto de una madre".

O OUFF é un festival de referencia que encara a súa 24 edición coa vista posta xa no seu cuarto de século. Así o destacou Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, que sinalou "para nós é o que debe de ser o festival de referencia de Galicia polo seu substrato, a súa historia e pola rede que se foi creando ao seu redor". Un festival referencial dende unha dobre perspectiva: a cultural, pola súa extensa programación, e a turística porque "é un festival que ten esa parte de atracción turística" pola dinamización socieconómica da cidade e a provincia ademais da inclusión dos roteiros de cinema polos escenarios de cine da provincia (unha das novidades incorporadas ao programa desta edición).

Neste carácter singular do OUFF 2019 tamén coincidiu Mateo Alonso, representante institucional de Abanca: "É un evento que converte Ourense en cidade de cine", salientando "o papel dinamizador", do festival.

O OUFF reivindicase como un festival diferente, "a festa da cultura máis alá das fronteiras da cidade", así o sinala o seu coordinador artístico, quen remarcou: "Este é noso festival, a nosa forma de poñer o foco en Ourense".

PROGRAMA DO OUFF 2019 - SECCIÓN OFICIAL

Un total de 15 películas de 15 nacionalidades compoñen a Sección Oficial do 24 OUFF. Estes filmes foron seleccionados de entre as máis dos 500 presentados. Longametraxes premiadas en festivais tan prestixiosos como Cannes, Sundance, Bafici, DocsBarcelona e South by Southwest aparecen na carteleira desta edición, con directores da talla de Alejandro Landes, Gael García Bernal, Oliver Laxe ou Bong Joon-Ho e intérpretes tan recoñecidos como Ricardo Darín, Antonio de la Torre, Belén Cuesta, Maribel Verdú, Paz Vega, Ana Fernández, Eduard Fernández, Valeria Golino ou Carlos Iglesias.

A española "@buelos" inaugurará o festival mentres que a esperada "La trinchera infinita" será a cinta de clausura. Ademais, "Sea beasts" proxectarase no Teatro Principal fóra de competición.

Filmes da Sección Oficial do OUFF 2019 a competición

"La odisea de los giles" (Arxentina, España). Representante arxentina para competir nos Goya, está a acadar un gran éxito nas salas de cine do seu país. Dirixida por Sebastián Borenzstein con Ricardo Darín, Chino Darín e Rita Cortese no reparto.

"Los consejos de Alice" (Francia, Bélxica). Comedia dramática de Nicolas Pariser protagonizada polo recoñecido actor Fabrice Luchini.

"Nuestras madres" (Guatemala, Bélxica e Francia). Coproducción entre Guatemala, Bélxica e Francia, César Díaz fíxose coa Cámara de Oro á mellor ópera prima en Cannes.

"Parásitos" (Corea del Sur). Cine de autor, o último traballo de Bong Joon-Ho é unha das películas mellor valoradas do ano, aclamada por crítica e público. Ven de gañar a Palma de Ouro en Cannes e aspira a competir na vindeira edición dos premios Oscar.

"Retrato de una mujer en llamas" (Francia). Galardoada co premio ao mellor guión en Cannes, este drama romántico escrito e dirixido por Céline Sciamma é outro dos traballos máis aclamados da tempada.

"Cachada: The Opportunity" (El Salvador). O único documental que compite na Sección Oficial del OUFF é unha emocionante ópera prima que supuxo catro anos de traballo para a súa directora, Marlén Viñayo. Premiada en numerosos festivais, incluidos South by Southwest e DoscBarcelona.

"Monos" (Colombia, Argentina, Uruguay, Países Bajos, Alemania, Suecia). O drama de Alejandro Landes sobre a infancia na guerrilla acadou o Premio Especial do Xurado en Sundance. Alabada por directores como Guillermo del Toro ou Alejandro González Iñárritu.

"O que arde" (España, Francia, Luxemburgo). A terceira película de Oliver Laxe acadou o premio do xurado na sección Un certain Regard no Festival de Cannes. Rodada nos Ancares, reflexiona sobre os incendios forestais e as relacións entre veciños.

"La hija de un ladrón" (España). A ópera prima de Belén Funes reúne por primeira vez na pantalla grande ao actor Eduard Fernández e a súa filla Greta Fernández. Pasará por Ourense antes de proxectarse no Festival de Cine de Londres.

"Chicuarotes" (México). Segunda longametraxe do tamén actor Gael García Bernal, conta a historia de dous adolescentes mergullados nunha espiral criminal.

"El doble más quince" (España). Segundo traballo do director Mikel Rueda, con Maribel Verdú e Germán Alcarazu.

"The bra" (Alemania, Azerbaiyán). O seu director, Veit Helmer, é un habitual do OUFF, onde xa gañou o premio do público con "Absurdistan" en 2009. Película muda e emocionante, ten a Paz Vega no seu reparto principal.

OUFF EN CURTO

No concurso competirán 17 curtametraxes e 9 videoclips que competirán por catro premios, seleccionadas de entre máis dun centenar de obras presentadas. As curtas en competición son:

● "A Xustiza Pola Man", de Sara Casasnovas

● "Benedicta", de Xurxo Chirro

● "Carta A Leningrado", de Brandán Cerviño

● "De Repente, La Noche", de Cristina Bodelón e Ignacio De Vicente

● "Devalar", de Mar García

● "En La Boca De La Mina", de Brandán Cerviño

● "El Jefe", de Fernando Tato, Ozo Perozo

● "Hoop", de Yvonne López Gaus

● "Homomaquia", de David Fidalgo Omil

● "La Noche", de Martín Romero

● "La Poesía Sólo Muere Cuando Termina", de Adelaida Lamas

● "O Que Medra Por Dentro", de Nacho Ozores

● "Soy Una Tumba", de Khris Cembe

● "Subway", de Carlos García De Dios

● "Trala Porta", de Alejandro Rodríguez

● "Un Cuento Al Revés", de Inés Pintor Sierra e Pablo Santidrián

● "Un País Extraño", de Laura Pousa

VIDEOCLIPS

● "Ahora O Nunca" (Pegatina, Macaco), de Manu Viqueira Carballal

● "3n M1 Lug4r" (3n M1 Lug4r), de Carlos A. Quirós

● "A Las Afueras De Mí" (De Vuelta, Éric Dopazo), de Óscar Doviso

● "Outra Esmorga" (Maskarpone), de Adrián González

● "De Bruma e Salitre" (Mileth), de Xaime Miranda

● "Resurgir" (Soziedad Alkohólika), de Manu Viqueira Carballal

● "Adioses" (Trigo Sucio), de José Antonio Campos

● "Vai Embora!" (Vai Embora!), de Carlos A. Quirós

● "Vigo" (Thomas Hell ft. Vinn), de Andrea Alonso

FAS MUVIS

É a terceira sección en competición do OUFF. Trátase dun concurso destinado a crear unha peza audiovisual nun tempo limitado cun equipo formado por cinco membros. Este ano como novidade estréase a categoría de Fas Muvis Escolas, destinada a mozos de entre 16 e 22 anos.Os equipos seleccionados, 7 de categoría xeral e 3 de escolas, terán 48 horas para realizar a rodaxe polas rúas e recunchos de Ourense.

OUFF ESCOLA

O Certame de Cinema OUFF Escola chega este ano ao seu décimo aniversario. É un certame de obras audiovisuais que nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Ademais, búscase potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

PREMIOS

- Calpurnia de Honra a Vaca Films: o sábado 28 de setembro farase entrega deste premio á produtora galega nunha gala na que se proxectará "Celda 211", 10 anos despois de que se estreara no festival no 2009. Ademais, haberá un ciclo con algúns dos seus títulos destacados máis destacados como "Quien a hierro mata", "El niño" ou "Cien años de perdón". A homenaxe culmina coa edición dun libro, dentro das publicacións propias do festival, que repasa a extensa traxectoria da produtora e que conta coa participación de máis de 20 importantes críticos de cinema.

- Calpurnia de Honra Internacional a José García: José García, fillo de emigrantes galegos de O Carballiño, é un dos intérpretes máis recoñecidos do cinema francés con máis de 60 filmes e recibe o premio en recoñecemento a súa carreira no mundo da interpretación. Tivo como compañeiros de reparto a grandes do cinema francés como Michel Serrault, Charles Aznavour, Jean- Paul Belmondo e Alain Delon, ademais de actrices como Isabelle Huppert, Marion Cotillard, Rossy de Palma ou Carmen Maura.

- Premio Ourense a Norberto López Amado: director e produtor ourensán coñecido por longametraxes como "Nos miran", series como "El tiempo entre costuras" ou documentais como "¿Cuánto pesa su edificio, Sr. Foster?". A súa película "La decisión de Julia" formou parte da sección oficial do OUFF, do que tamén foi xurado uns anos antes. Desde finais deste ano, dirixirá a serie "3Camiños" que será gravada por varios países do mundo.

- Premio OUFF Televisión a Cristina Castaño: a actriz galega será a primeira en recibir este novo galardón como recoñecemento á súa traxectoria na pequena pantalla. Castaño apareceu en series como "Pratos Combinados", "El comisario", "Herederos", "El final del camino", "Cuerpo de élite" ou "La que se avecina" e en películas como "Días azules", "Bajo el mismo techo", "Sin rodeos" ou "Lo dejo cuando quiera". A organización aposta por consolidar a sección televisiva ao considerar o pulo que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos.

- Premio A Toda Unha Traxectoria da Fundación AISGE a María Bouzas: a mugardesa recibirá este galardón como recoñecemento a súa ampla andadura en tódalas ramas da interpretación e o seu compromiso coa profesión e a sociedade civil galega. María Bouzas, recoñecida polos seus papeis en "El secreto de Puente Viejo", "Pratos combinados" ou "Terra de Miranda", recibirá o seu merecido premio na gala de inauguración.

RETROSPECTIVA DE CINE MEXICANO

México será o país convidado da 24 edición do OUFF. En colaboración da Fundación Carlos Velo e o Centro de Capacitación Cinematográfica de México proxectaranse 12 filmes, a maioría inéditos en España, que queren amosar a evolución do cine mexicano ao longo das últimas décadas.

CINE FAMILIAR

En colaboración co Centro Comercial Aberto Ourense Centro este ano haberá dúas proxeccións matinais pensadas para o público familiar. Os clientes do que merquen nos establecementos adheridos ao longo desta semana recibirán invitacións para ver "Campeones" ou "Elcano y Magallanes", os días 28 e 29 de setembro no Auditorio Municipal.

TALLERES

- Xavier Bermúdez: está impartindo un obradoiro aos reclusos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar cos seus coñecementos sobre cinema tratando de achegarlles a sétima arte en catro xornadas.

- Oliver Laxe: impartirá un obradoiro os días 30 de setembro e 1 de outubro no que desvelará como foi o proceso creativo e de produción de "O que arde", longametraxe coa que compite na Sección Oficial.

- Alberte Pagán: o carballiñés tomará como base a súa propia experiencia como cineasta para tentar explicar que é o cine os días 28 e 29 de setembro.

EXPOSICIÓNS

- "Filmado en Ourense. Sempre Xonxa.Chano Piñeiro. 1989-2019": obxectos persoais do director e elementos destacados da película forman unha exposición sen precedentes sobre a figura do director e a primeira película de cine en galego. Inaugurada o 17 de setembro, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 27 de outubro.

- "O intimismo da rodaxe de Elisa e Marcela" de Zoe Sala Coixet: a mostra componse de 24 fotografías tomadas por Zoe Sala Coixet na rodaxe de "Elisa y Marcela" que reproducen algúns dos momentos máis íntimos das protagonistas. O traballo constitúe a primeira mostra en solitario da fotógrafa, filla da directora Isabel Coixet, e poderá ser visitada no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre o 23 de setembro e o 13 de outubro.

- "Memoria erótica" de Xurxo Oro Claro: a Fundación Carlos Velo recuperou a colección de relatos inéditos de Carlos Velo que forman a publicación "Memoria erótica". O artista Xurxo Oro Claro asumiu a responsabilidade de crear as ilustracións que forman parte da publicación. A Galería Visol acollerá esta mostra inédita do 26 de setembro ao 5 de outubro.