A provincia arxentina de Entre Ríos será a sede de "Termatalia" 2020

  • A resolución deuse a coñecer hoxe no marco da 19ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, que se celebra en Expourense, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou a importancia de Entre Ríos no ámbito do termalismo e os "importantes lazos que unen a Ourense con Arxentina".

  • Entre Ríos é a provincia arxentina que acumula maior cantidade de augas termais, con quince centros de termalismo que promoven o turismo de saúde, relax e benestar, distribuídos en trece localidades.

Ourense, 20 de setembro de 2019.- A provincia arxentina de Entre Ríos será a sede de "Termatalia" 2020. A resolución deuse a coñecer hoxe no marco da 19ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se celebra en Expourense, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou a importancia de Entre Ríos no ámbito do termalismo e os "estreitos e importantes lazos que unen a Ourense con Arxentina".

Entre Ríos é a provincia arxentina que acumula maior cantidade de augas termais, con quince centros de termalismo que promoven o turismo de saúde, relax e benestar, distribuídos en trece localidades, unha relevancia que o presidente do goberno provincial uniu "ás moitas vinculacións históricas, culturais e sociais que temos con Arxentina e á infinidade de razóns que nos unen", citando entre elas que a nai de José de San Martín, Gregoria Matorras, morreu en Ourense en 1813, onde está soterrada.

"É unha honra entregar hoxe a bandeira de Termatalia a Entre Ríos", destacou Baltar, agradecendo "a toda a delegación desta provincia arxentina que estivese compartindo con nós, a dez mil quilómetros de distancia da súa terra, estas xornadas de traballo e promoción termal en Ourense, no ámbito de Termatalia. A nosa provincia e Expourense achegarán o apoio e o coñecemento para que Termatalia 2020 sexa un éxito, como ten acontecido nas anteriores edicións. Parabéns desde esta provincia termal á outra provincia termal, e unha mensaxe fraterna de cooperación en algo que nos une, entre outras moitas cousas, como é o termalismo", expresou Manuel Baltar.

O acto contou, ademais do presidente Baltar, co conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e representantes da delegación de Entre Ríos, encabezada pola secretaria de Turismo e Cultura do goberno desta provincia, Carolina Galliard, entre outras autoridades. Precisamente, Entre Ríos postulárase como candidata para converterse na sede de Termatalia 2020, unha provincia que ten participado en numerosas edicións de Termatalia, e que acumula a maior cantidade de augas termais, sendo a capital nacional do termalismo. As súas termas distribúense en Basavilbaso, Chajarí, Colón, Concepción del Uruguay, Concordia, Federación, Gualeguaychú, La Paz, María Grande, San José, Victoria, Villa Elisa e Villaguay, así como nas costas dos ríos Paraná e Uruguay. Neste sentido, os complexos termais de Entre Ríos contan con balnearios, piscinas cubertas e ao aire libre, ademais de parques acuáticos e unha ampla oferta de hospedaxe e gastronomía rexional.