143 participantes daranse cita na oitava edición do Rallye "Ourense – Lugo Ribeira Sacra"

  • A Deputación de Ourense colabora con esta proba automobilística que se disputará os días 20 e 21 de setembro.

Ourense, 19 de setembro de 2019.- A oitava edición do Rallye "Ourense – Lugo Ribeira Sacra", que por primeira vez pasará por Lugo, reunirá a 143 participantes que disputarán esta proba automobilística que conta cun percorrido de 367 quilómetros e que se celebrará os días 20 e 21 de setembro. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na rúa Cruz Vermella da capital ourensá, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o presidente da Escudaría Luíntra, Roberto Soto; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; acompañados polo patrocinador oficial da proba e equipos locais participantes no rallye.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que se trata dun evento automobilístico "consolidado no calendario deportivo da nosa provincia que reúne en cada edición a numerosos afeccionados do motor". Ademais, Rosendo Fernández destacou "a idoneidade" de Ourense para acoller probas deste tipo que contribúen a "promocionar os recursos naturais e paisaxísticos dos municipios que acollen esta competición".

A proba discorrerá polos municipios de Ourense, Nogueira de Ramuín e Sober, este último pertencente á provincia de Lugo, o que supón unha novidade nesta proba. O percorrido deste ano é de 367 quilómetros, dos cales 98 quilómetros corresponden a dez treitos cronometrados por estradas asfaltadas que estarán pechadas ao tráfico. A proba estará dividida en dúas etapas e en catro seccións. O parque pechado e o parque de traballo estarán situados en Luintra, así como a Dirección de Carreira.

En canto ao desenvolvemento da proba, o venres, 20 de setembro, será o treito Castro de Beiro cun percorrido de 5,12 quilómetros, a partir das 19.00 horas. Ao día seguinte, será a quenda para os treitos San Miguel - Luintra (10 quilómetros), Canabal - Sober (9,66 quilómetros), Almorfe – Luintra (11,45 quilómetros).