O xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares, Premio Ourensanía 2019

  • O xurado do premio, reunido hoxe na Casa Antón Losada Diéguez, en Moldes, Boborás, baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou conceder o galardón pola súa "ampla traxectoria nos ámbitos literario e xornalístico, que transcenderon os límites de Ourense e de Galicia".

  • A entrega do Premio Ourensanía terá lugar o vindeiro 11 de novembro, día de San Martiño, no Teatro Principal de Ourense.

Ourense, 19 de agosto de 2019.- O xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares (Calvos de Randín, 1935) vén de ser recoñecido co Premio Ourensanía, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado do premio, reunido hoxe na Casa Antón Losada Diéguez, en Moldes, Boborás, baixo a presidencia de Manuel Baltar, ditaminou concederlle o galardón por unanimidade ao escritor e xornalista ourensán Alfonso Sobrado Palomares pola súa "ampla traxectoria nos ámbitos literario e xornalístico que transcenderon os límites de Ourense e de Galicia". Así mesmo, tamén destacaron do galardoado que, a pesar de desenvolver parte da súa vida profesional fóra de Ourense, "sempre estivo vencellado a súa terra e ás súas orixes, incluso participando en numerosos actos culturais".

Alfonso Sobrado Palomares

Alfonso Sobrado Palomares naceu no municipio de Calvos de Randín no ano 1935. Na súa faceta como xornalista conta cunha longa traxectoria en varios xornais e revistas españolas, chegando a ser presidente da Axencia EFE desde 1986 ata 1996. Previamente estivo ao cargo da Axencia Radial Press e da revista "Ciudadano". Foi asesor editorial para España, director de Relacións Internacionais e secretario do Consello Editorial do Grupo Zeta. Director do Diario de Córdoba e responsable da Casa de Galicia en Madrid entre o ano 2006 ata o 2009, e foi galardoado con varios premios, entre eles co de Celanova, Casa dos Poetas, no ano 2008. Da súa faceta como escritor cabe destacar que é autor de numerosas obras como África, la hora de las violencias, Albert Camus, Los laberintos del espejo, El evangelio de Venus, Siempre llega la noche, así como de outras obras biográficas como Felipe González, el hombre y el político.

A entrega do premio Ourensanía 2019 terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, coincidindo coa festividade de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía.

Ramón Santamarina

Outro dos nomes protagonistas na reunión do xurado do Premio Ourensanía foi Ramón Santamarina a quen estará dedicado o vindeiro ano 2020, tal e como o anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Ramón Santamarina é un empresario e filántropo ourensán, fundador da vila de Orense, na provincia de Bos Aires, "e un claro exemplo de que a Ourensanía é un sentimento que traspasa os límites territoriais", destacou Baltar.