Ourense é a provincia galega menos castigada polo desemprego e mellora as medias de Galicia e España

  • A Deputación de Ourense presentou hoxe o segundo informe do Observatorio Económico Ourensán, no que destaca que a provincia logrou suavizar nos últimos meses os efectos laborais da crise.

  • Malia os datos positivos, Manuel Baltar afirma que o pulo da economía "será longo, esforzado e lento", e mentres os indicadores sigan "nos niveis de alerta" a Deputación "vai a seguir deseñando plans de recuperación económica das economías locais".

  • O presidente provincial convidou aos presidentes da Cámara de Comercio e da Confederación Empresarial de Ourense a unha reunión "para explorar e poñer en común medidas e novos proxectos que solucionen o problema do desemprego na provincia".

Ourense é a provincia galega menos castigada polo desemprego e a que mellora as medias de Galicia e España. Esta é a principal conclusión do segundo informe do Observatorio Económico Ourensán, elaborado pola Deputación de Ourense e presentado hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". O informe sinala que a provincia ourensá logrou suavizar nos últimos meses os efectos laborais da crise, se ben, malia os datos positivos, o presidente provincial, Manuel Baltar, afirmou na presentación do informe que o pulo da economía "será longo, esforzado e lento", e mentres os indicadores sigan "nos niveis de alerta" a Deputación de Ourense "vai a seguir deseñando plans de recuperación económica das economías locais".

Baltar convidou aos presidentes da Cámara de Comercio e da Confederación Empresarial de Ourense a unha reunión "para explorar e poñer en común medidas e novos proxectos que solucionen o problema do desemprego na provincia", engadindo que o goberno provincial "quere ir da man dos que apostan polo emprego cos seus proxectos empresariais, dende os máis sofisticados ata o imprescindible papel dos autónomos e pequenas e medianas empresas, porque xuntos sairemos antes da crise".

Manuel Baltar –quen se marcou como obxectivo aprobar os orzamentos de 2014 no pleno do vindeiro mes de novembro- subliñou o importante papel que desenvolve o Inorde no eido económico, e lembrou que este organismo está chamado "a ter un papel protagnonista ao converterse nun centro de recursos municipais, cunha renovada estrutura que servirá, ademais das súas apostas por sectores fulcrais como a lousa, o termalismo ou o agroalimentario para ser unha constante chamada á eficacia, á eficiencia e achegado ao cidadán".

Concentración produtiva

O presidente provincial presentou o informe acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e polo profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, José María Chamarro. O informe destaca que os territorios con maior índice de concentración produtiva son A Baixa Limia e Terra de Celanova polo peso da construción; O Ribeiro polo sector industrial e a comarca de Ourense polo sector servizos, sendo a zona máis especializada Valdeorras, polo sector da lousa. Os niveis de especialización das comarcas non variaron ao longo da crise, o que reflicte que lonxe de innovar, todas elas seguen a apostar polas mesmas actividades económicas previas á recesión.

As conclusións técnicas do estudo expúxoas o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, José María Chamarro, destacando que dende a presentación do primeiro estudo do Observatorio Económico Ourensán (decembro de 2012), cando se tiña dado un agravamento da crise no conxunto da provincia, "cabe salientar unha minoración e unha suavización dos efectos laborais medidos a través das estatísticas de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social". O empeoramento estendeuse ao primeiro trimestre de 2013, pero deixou paso a un período de recuperación nos meses de abril e maio que fai posible que teña medrado o número de comarcas e municipios nos que xa se pode falar dunha certa rexeneración do seu mercado de traballo local.

Se o anterior Observatorio recollía que Ourense deixaba de ser a provincia galega con menor taxa de crecemento interanual do paro, nesta ocasión acontece o contrario, porque recupera esa condición, ao remontar dúas posicións. En Ourense, a taxa interanual de subida do paro pasou de superar o 11% en outubro de 2012 a limitarse ao 0,7% en maio de 2013, con notables diferenciais positivos sobre as medias de Galicia e España.

A melloría dos últimos meses permite que catro comarcas (Viana, Terra de Celanova, Verín e Allariz-Maceda) presenten descenso interanual do paro, situación que hai un semestre era exclusiva da Baixa Limia. O caso de Viana é excepcional, xa que se desmarca ao recortar o paro interanual nun 17,3%, sen dúbida grazas ás repercusións económicas e laborais das obras do Tren de Alta Velocidade.

A nivel municipal, un concello da propia comarca de Viana, A Gudiña, lidera os descensos interanuais de paro no conxunto da provincia, cun 34% de baixada nos últimos doce meses. E o municipio da Mezquita presenta o segundo mellor rexistro provincial (-17,3%).

A taxa interanual de paro rexistrado, que na primeira edición do Observatorio baixaba en 11 dos 92 concellos ourensáns, faino agora en 48, polo que pasan a ser máis os municipios con descensos (48) que os que aínda presentan subas (41, xa que en Allariz, Piñor e San Xoán de Río non variou o número de parados no último ano).

Afiliacións

A análise da evolución das afiliacións na provincia permite extraer conclusións de marcado contraste. No terreo positivo, o descenso interanual acurtouse en máis de medio punto porcentual desde setembro de 2012, ao pasar do 3,2% de baixada ao actual 2,6%. Por comarcas, Viana e A Baixa Limia son a cara e a cruz da serie estatística. A primeira é a única comarca con subida interanual de afiliados e a segunda convertese na zona máis castigada da provincia, cun descenso anual superior ao 7%.

Ao igual que acontece co paro rexistrado, o acumulado desde o inicio da crise reflicte datos moito máis preocupantes. A provincia perdeu 14.500 afiliados, o 13% do total, desde decembro de 2007. Nas comarcas, os descensos acumulados oscilan entre o 11% de Allariz-Maceda e o 26% da Baixa Limia. Catro delas (A Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas e Terra de Celanova) perderon máis da quinta parte dos seus traballadores en alta.

O sector servizos gaña peso

Unha das consecuencias da crise, presente en todo o territorio galego, é que o sector servizos gaña peso en detrimento da construción e da industria. Pero a pesares desta evolución, Ourense aínda está catro puntos por debaixo da media galega en ponderación do sector servizos (72,8%), mentres que supera en 2,5 puntos o peso relativo da construción (18%) e da industria (9,2%) con respecto ao conxunto de Galicia.

Ao comparar a composición sectorial entre comarcas, O Ribeiro rompe co patrón ourensán, xa que é a única zona onde o sector industrial suma un maior número de unidades locais ou centros de traballo que o sector da construción.

En xeral, a provincia de Ourense non ofrece un alto índice de especialización produtiva nas súas comarcas. Desde a variable das unidades locais, os territorios máis especializados son A Baixa Limia e Terra de Celanova grazas ao peso da construción, O Ribeiro polo empuxe das industrias vinculadas á vitivinicultura e Ourense por concentrar o 78% das súas actividades no sector servizos. No conxunto da provincia, os graos de especialización non variaron desde o inicio da crise.

Os sectores industriais xeran o 16% (15.501 traballadores) das afiliacións á Seguridade Social na provincia de Ourense. No último ano, o número de traballadores en alta nos sectores industriais caeu un 3,3% no conxunto da provincia. Unicamente dúas comarcas, Terra de Caldelas e Allariz-Maceda, lograron incrementar os seus respectivos censos.

Máis da metade das afiliacións industriais concéntranse nesta provincia en catro únicos sectores: na alimentación, co 19,3% do total; no téxtil, co 13,1%; nos produtos minerais (12,1%) e nas industrias extractivas (11%).

Na actualidade, a comarca máis especializada é Valdeorras, que presenta unha discrepancia do 63% na súa composición sectorial en comparación coa do conxunto da provincia. A continuación, as zonas máis especializadas son Terra de Caldelas, Terra de Trives e A Baixa Limia, nos tres casos polo feito de concentrar a gran maioría dos seus afiliados no ámbito da alimentación. As tres presentan un grao de discrepancia provincial superior ao 50%.