Baltar destaca ao Museo do Viño de Galicia como "un espazo para xerar oportunidades para o enoturismo e o turismo cultural"

  • No acto de inauguración deste novo espazo expositivo, situado na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, o presidente da Deputación de Ourense felicitou "aos que tiveron a idea e foron capaces de facela realidade; un museo, que xunto a outros de Galicia forma unha rede cultural que supón un plus que repercutirá no desenvolvemento económico e cultural deste territorio".

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, definiu ao museo como "o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia", salientando que a Xunta destinou máis de 1,1 millóns para rehabilitar a Reitoral de Santo André, onde se empraza o centro, e máis de 700.000 euros para a instalación do proxecto expositivo e actuacións de museografía.

  • O alcalde de Ribadavia, César Fernández, dixo que estamos "nun dos puntos clave do Val do Avia, do Ribeiro, para entender a historia do viño de Galicia, e este museo será un referente para as denominacións de orixe galegas para pór en valor a tradición e a cultura vitivinícola que configurou a nos forma de ser e a nosa paisaxe".

Ourense, 19 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo no acto de inauguración do Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, que este é "un espazo para xerar oportunidades para o enoturismo e o turismo cultural", destacando que esta nova infraestrutura expositiva, situada na reitoral de Santo André de Camporredondo, "integrará, xunto con outros museos de Galicia, unha rede cultural que será un plus que repercutirá no desenvolvemento económico e cultural deste territorio; un atractivo máis non só para esta bisbarra ou para a provincia de Ourense, senón para toda Galicia, por tratarse dun valor fundamental da nosa economía como é o viño e a súa cultura, historia e tradición", destacando sinaladamente o Ribeiro, "a segunda denominación de orixe máis antiga de España, o viño que Colón levou a América".

Baltar remarcou que este museo "abre hoxe as súas portas para todos, veciños e visitantes, e para os turistas que dentro duns meses terán a Ourense a pouco máis de dúas horas da capital de España, que será un momento verdadeiramente transformador". "Este espazo expositivo forma parte desa estratexia onde o enoturismo e o turismo cultural escríbense con maiúsculas, e por parte do goberno provincial quero dar os parabéns a todos, aos que tiveron esta idea e foron capaces de facela realidade".

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, dixo que estamos "nun dos puntos clave do Val do Avia, do Ribeiro, para entender a historia do viño de Galicia, e este museo será un referente para as denominacións de orixe galegas para pór en valor a tradición e a cultura vitivinícola que configurou a nos forma de ser e a nosa paisaxe".

E finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, definiu ao museo como "o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia" e incidiu en que será "un referente na materia non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado".

O museo recupera e pon en valor unha parte importante do legado de Galicia a través dunha actividade milenaria; amosa a historia e a paisaxe do viño, que é unha paisaxe agraria propia de Galicia; e visibiliza o traballo de mulleres e homes viñateiros que teñen neste museo un lugar onde verse representados. En concreto, o espazo monográfico estará dividido en 7 eidos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media; as actividades da viticultura; as denominacións de orixe; as variedades vitícolas; a comarca do Ribeiro; a produción en mosteiros, granxas e priorados; e un último ámbito centrado no traballo da adega.

Feijóo destacou que os fondos iniciais ou colección estable están constituídos polos bens do patrimonio cultural galego pertencentes á Comunidade Autónoma e precisou que a xestión deste museo dependerá da Xunta e a dirección será exercida pola dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia. O presidente do Goberno galego destacou que a Xunta destinou máis de 1,1 millóns de euros para rehabilitar a Reitoral de Santo André de Camporredondo, onde se empraza o centro; e máis de 700.000 euros para a instalación do proxecto expositivo e actuacións de museografía. Así, en total, a Administración autonómica investiu 1,8 millóns de euros. No acto, no que tamén participou César Llana, director do Museo do Viño de Galicia, os asistentes realizaron unha visita guiada ás salas de exposición e ao lagar do museo.