Vilamarín, capital das artes escénicas galegas

  • A Deputación de Ourense colabora coa celebración da XXXII edición das "Noites Teatrais" que terá lugar do 15 ao 19 de xullo, no Auditorio Municipal.

Ourense, 9 de xullo de 2019.- O Concello de Vilamarín será capital das artes escénicas galegas coa celebración da XXXII edición das "Noites teatrais" que terá lugar do 15 ao 19 de xullo, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal. A presentación desta tradicional iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e os concelleiros de Desenvolvemento e de Cultura de Vilamarín, Marcos Vázquez e Marina Rodríguez, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que é "unha cita ineludible no calendario cultural da nosa provincia e que contribúe a difundir e promover o mellor do teatro galego entre os veciños de Vilamarín, pero tamén entre os visitantes", salientou Rosendo Fernández, quen felicitou ao Concello por manter vivo "este certame das artes escénicas, referente en Galicia, que ameniza as noites de verán co mellor da dramaturxia galega".

Programación

O programa de espectáculos, a cargo de "compañías punteiras en Galicia", dixo Marina Rodríguez, comezará o vindeiro luns, 15 de xullo, coa función "Despaciño e boa letra", do grupo de teatro de Vilamarín. "Comezamos unha vez máis esta edición, como o facemos desde hai tres anos, cos veciños do noso municipio. Un espectáculo que está a altura das "Noites teatrais", a pesar de non ser profesionais", salientou o concelleira de Cultura de Vilamarín.

O martes, 16 de xullo, será a quenda para a Aula de Teatro Universitaria de "Maricastaña", de Ourense, que protagonizarán a obra "Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse". O mércores, 17 de xullo, actuará Talía Teatro, de Santiago de Compostela, coa súa función "Vida de cans", e o xoves, 18 de xullo, subirase ao escenario Malasombra producións, da Estrada, coa obra "Bernarda (Vilalba 1975)". Por último, o venres, 19 de xullo, pechará esta XXXII edición das "Noites teatrais", Contraproducións, de Vedra, co espectáculo "Commedia", "unha comedia de enredo con actores de primeira liña non só de Galicia, senón do país. Unha garantía de éxito", dixo Marina Rodríguez. A entrada para tódalas funcións será libre.

Pola súa parte, Marcos Vázquez enxalzou "a participación da veciñanza de Vilamarín que cada vez ten unha produción mellor, e incluso algúns dos veciños xa saen fóra do municipio a facer outras actuacións". Así mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento do Concello de Vilamarín dixo que é "un luxo contar con estas cinco pezas teatrais no noso municipio".