Baltar salienta "o compromiso coa solidariedade e coa historia de Ourense que supón Museo do Médico Rural", inaugurado hoxe en Maceda

  • No acto, celebrado na Casa do Concello deste municipio, participou tamén o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o creador do museo, José Manuel Lage Parente.

Ourense, 5 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou hoxe en Maceda, no acto inaugural do Museo do Médico Rural que a apertura deste pioneiro espazo expositivo supón "un compromiso coa solidariedade e coa historia da provincia de Ourense". O presidente do goberno provincial salientou "a homenaxe ás nosas orixes e ás nosas xentes que se destaca en cada actividade que pon en valor a nosa cultura, as nosas tradicións e de maneira moi salientable labores como o a que desenvolveron os médicos do rural, aos que rendemos unha homenaxe permanente coa apertura deste museo, recoñecendo así a unha profesión que tivo moita incidencia no medio rural".

O Museo do Médico Rural, que conta co apoio da Deputación de Ourense, está situado na planta baixa da Casa do Concello de Maceda e se estrutura en nove salas temáticas nas que se expón material médico orixinal, desde principios do século pasado ata os nosos días. A mostra fai un percorrido polo labor levado a cabo por médicos, farmacéuticos e boticarios que traballaron e traballan estreitamente en favor da poboación, e que en tempos pasados foro verdadeiros artesán dos seus oficios, ademais de salientar a gran labor social que fixeron en zonas rurais.

No acto, celebrado esta tarde na Casa do Concello coa presenza de máis dun cento de persoas, participaron, ademais de Manuel Baltar, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o creador do museo, José Manuel Lage Parente.

O museo alberga máis de 2.000 pezas, principalmente dos anos 20 e 30 do século pasado, entre as que se atopan materiais de consultas médicas, aparatos de electroloxía e radioloxía, e diversos enseres de laboratorio, instrumental e mobiliario.