Leiro acollerá a XXXVI edición da súa carreira popular

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 7 de xullo, cun percorrido de 10 quilómetros para a proba absoluta.

Ourense, 26 de xuño de 2019.- O municipio de Leiro acollerá o vindeiro día 7 de xullo a XXXVI edición da súa Carreira Popular que ofrecerá aos participantes un percorrido de 10 quilómetros para a proba absoluta. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e os concelleiros de Turismo e Deporte e de Cultura de Leiro, Francisco José Fernández, Luís Iglesias e Ramón Álvarez, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta carreira, "unha das máis antigas de Galicia, que tras 36 edicións, converteuse nunha cita ineludible no calendario deportivo da nosa provincia", explicou Rosendo Fernández, quen lembrou que a organización deste tipo de eventos contribúe a "dar a coñecer o territorio, a natureza e o patrimonio, así como fomentar o deporte e o atletismo vinculado ao medio rural".

A Carreira Popular de Leiro establece categorías para mulleres e homes con clasificacións diferenciadas. Deste modo, ás 10.00 horas será a saída para os participantes das categorías C, D, E (nados entre o 2002 e o 2011) cunha distancia de 2,3 quilómetros. Ás 10.20 horas será a quenda para as categorías F, G, H, I, J, K, L, para os participantes na proba absoluta que terán un percorrido de 10 quilómetros. Posteriormente, ás 11.30 horas será a saída para os da categoría B (nados en 2012, 2013 e 2014) cunha distancia de 400 metros. E, por último, ás 11.50 horas sairán os da categoría A, os pitufos (nados en 2015 e posteriores) que terán unha proba cunha distancia de 200 metros. A zona de saída e de meta será na praza do Cruceiro.

A novidade desta edición é que haberá tamén unha clasificación por equipos que, para clasificarse, terán que rematar a proba como mínimo 7 corredores do mesmo equipo. Para confeccionar a clasificación dos equipos sumaranse os postos dos 7 primeiros corredores clasificados e obtendo o mellor resultado o equipo que na suma menos puntos acade e así sucesivamente.

Os interesados en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto en tódalas categorías desde o 8 de abril ao 4 de xullo, agás as categorías absolutas para as que a inscrición ten un custe de 5 euros para os que teñan en propiedade o chip amarelo, e de 6 euros para os que non o teñan. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com. "Ata o momento contamos con 185 inscritos, pero esperamos chegar aos preto de 500", dixo Luis Iglesias.