Baltar defende o Observatorio do Rural que impulsa a Deputación como "un referente futuro nas políticas económicas, demográficas e turísticas da provincia"

  • O presidente do goberno provincial salientou hoxe en Celanova, na inauguración da Xornada técnica sobre o rural ourensán que Ourense "vive un momento decisivo cara á gran transformación da provincia no século XXI: a chegada da alta velocidade, unha etapa na que se acelerará de maneira exponencial a competitividade en sectores singulares da nosa provincia como o termal, a agroindustria ou o turismo".

Ourense, 5 de xuño de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe en Celanova, na inauguración da Xornada técnica sobre o rural ourensán, "a relevancia que terá o Observatorio Internacional do Rural", unha iniciativa impulsada pola Deputación de Ourense "que será un referente futuro nas políticas económicas, demográficas e turísticas da provincia", expresou. Na apertura da xornada, Baltar, quen estivo acompañado polo alcalde de Celanova, José Luis Ferro, salientou que Ourense "vive un momento decisivo cara á que será a gran transformación da provincia no século XXI: a chegada da alta velocidade, unha etapa na que se acelerará de maneira exponencial a competitividade en sectores singulares da nosa provincia como o termal, a agroindustria ou o turismo, algo para o que nos estamos preparando porque as oportunidades que veñen temos que aproveitalas ao máximo, sendo como seremos, a porta de entrada do AVE a Galicia. É un reto para todos, para que nos sintamos partícipes dese gran proxecto que se chama "Ourense".

Na súa conferencia titulada "Ourense, a provincia da excelencia", o presidente do goberno provincial falou dos proxectos que a Deputación vén levando a cabo, precisamente, en ámbitos como o rural, a viticultura, a xeración de emprego e a promoción do emprendemento, e citou ao termalismo como "un factor diferencial e un eixe estratéxico". "Un termalismo -dixo- que vai plenamente ligado ao desenvolvemento do noso rural, e que será, xunto con todas as variables que integran a competitividade do noso territorio, un elemento importante do Observatorio Internacional do Rural, que desenvolveremos da man da universidade e coa colaboración de colexios profesionais e outros colectivos, e que será un referente pioneiro en canto ás políticas que se deben poñer en marcha no rural". Neste sentido, citou a iniciativa de "situar a Ourense como un laboratorio social da Unión Europea, posto que a situación actual da nosa provincia, en ámbitos demográficos, idade da poboación ou dispersión xeográfica, é a que terá a UE no ano 2050, e o feito de desenvolver proxectos socio-sanitarios e sobre o reto demográfico suporá unha oportunidade competitiva e de proxección para a provincia de Ourense".

Manuel Baltar afirmou que unha das novas das que se sinte máis orgulloso neste período foi conseguir que as provincias de Europa, no novo marco financeiro plurianual, sexan receptoras directas de fondos comunitarios. "Estamos a falar dun mínimo dun 5 % do orzamento, que traducido a euros supoñen 13.000 millóns para provincias da UE que estean afrontando o reto demográfico, algo que, sen dúbida, significará un avance substancial para estes territorios".

A xornada proseguiu coa intervención do profesor Andrés Mazaira, quen expuxo as cifras do sector agroalimentario en Ourense que compila o Observatorio Económico Ourensán, e posteriormente analizáronse aspectos relacionados co patrimonio agroalimentario; o sector vitivinícola e o enoturismo; e experiencias de éxito no rural ourensán, todo elo co obxectivo de pór en valor o medio rural da provincia de Ourense e de estudar o impacto que o tecido agroalimentario ten na economía ourensá.

Organizada pola Deputación de Ourense, Evega e Agacal, a xornada presentou tamén os recursos xenéticos que Ourense achega á biodiversidade, e presentou as entidades de calidade ourensás, como factores potenciais de desenvolvemento.