Os retos e oportunidades do rural ourensán a análise nunha xornada técnica

  • A iniciativa desenvolverase o día 5 de xuño, en Celanova, no marco da celebración da III Semana Vitivinícola de Galicia, organizada pola Deputación de Ourense e a Evega.

Ourense, 3 de xuño de 2019.- Os retos e oportunidades do rural ourensán serán analizados nunha xornada técnica o día 5 de xuño, en Celanova, no marco da celebración da III edición da Semana Vitivinícola de Galicia, un evento técnico e divulgativo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que se desenvolverá do 5 ao 7 de xuño. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Manuel Casares.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta terceira edición chega "despois de asistir máis de 600 persoas ás anteriores edicións, cun programa que pretende achegar o sector do viño á sociedade e consolidarse no calendario para os amantes do viño porque Ourense é a provincia máis vitivinícola de Galicia e unha das máis importantes de España". Neste mesmo sentido, Juan Manuel Casares explicou que con esta semana de actividades técnicas e divulgativas preténdese converter a Ourense "na capital do viño de Galicia e achegar aos ourensáns ao mundo do viño galego".

A xornada sobre o rural ourensán celebrarase na Sala dos Arcos, na Casa do Concello de Celanova, de 9.00 ás 14.00 horas. O obxectivo desta actividade é achegarse á realidade do rural ourensán e coñecer máis de preto as súas potencialidades desde o punto de vista do tecido agroalimentario. As prazas dispoñibles na xornada son de 40, e o prazo para anotarse rematará hoxe, 3 de xuño.

Ademais da xornada, o programa inclúe tamén un obradoiro práctico sobre as ferramentas para a comunicación dixital para coñecer as vantaxes do uso das TIC´s e as súas aplicacións ao marketing dixital. Os participantes poderán aprender a elaborar contidos con textos e imaxes para mellorar o posicionamento nas redes. O taller realizarase o día 7 de xuño, en La Molinera, desde as 9.00 ás 14.00 horas. As prazas dispoñibles son 20 e o prazo para inscribirse rematará o día 5 de xuño. Tódalas actividades da Semana Vitivinícola de Galicia son de balde, pero estas dúas requiren de inscrición previa a través da páxina web da Evega.

As outras actividades que non precisan de inscrición e que están incluídas na programación son as mesas-faladoiro que abordarán diversos temas vencellados ao sector da viticultura. A primeira, que analizará o papel da muller no sector do viño coas experiencias de tres colleiteiras do Ribeiro, terá lugar o mércores, 5 de xuño. Ao día seguinte, será a quenda para os escumosos galegos que se fan en Galicia e, por último, o venres, 7 de xuño, será protagonista o tostado do Ribeiro "con adegas que elaboran esta xoia vexetal, unha bebida histórica", sinalou Juan Manuel Casares.

Tódalas mesas-faladoiro celebraranse no salón de actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, a partir das 19.30 horas e rematarán cunha cata comentada cos viños das adegas participantes. A entrada será libre.