A Deputación de Ourense investirá máis de 2 millóns de euros para afrontar o reto demográfico

  • A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto EmprendOU, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo, a través do cal concederá axudas de 675 euros ao mes para mozos que emprendan en 82 concellos da provincia.

  • Para o desenvolvemento deste proxecto, a Deputación de Ourense porá en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, que permitirá a creación da empresa nos municipios máis rurais en só 48 horas.

  • O obxectivo para o 2019-2020, de acordo á dispoñibilidade orzamentaria, crear 250 empresas de mozos nos "municipios elixibles" para afrontar o reto demográfico da provincia.

Ourense, 23 de maio de 2019.- A Deputación de Ourense pon en marcha a primeira iniciativa en España aprobada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública para afrontar o reto demográfico, coa aprobación hoxe na reunión da Xunta de Goberno, do concurso para a concesión de axudas para proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOu, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).

O proxecto EmprendOU, impulsado pola Deputación de Ourense, obtivo unha axuda na convocatoria de axudas efectuada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, a través da cal concedíanse axudas a entidades locais para o financiamento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo, dirixidas a afrontar o reto demográfico nos municipios de menor poboación, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).

EmprendOU contén medidas de apoio á nova actividade empresarial para que o colectivo formado por persoas entre 16 e 30 anos consiga crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.

A súa finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional/laboral da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinatario destas axudas e provocar un "efecto chamada" por parte da provincia de Ourense cara a persoas mozas con mentalidade emprendedora que poidan querer residir na provincia de Ourense freando así as altas porcentaxes de despoboamento no rural da provincia de Ourense e aumentando as ferramentas de loita contra desafío demográfico.

A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste Proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses. O obxectivo para o 2019-2020 é, de acordo á dispoñibilidade orzamentaria, crear 250 empresas de mozos en 82 concellos para afrontar o reto demográfico da provincia.

Esta iniciativa, posta en marcha polo goberno provincial, recolle as posicións xurdidas na IV Conferencia de Presidentes, celebrada o 17 de xaneiro de 2017, onde se acordou impulsar medidas específicas para facer fronte ao desafío demográfico que culminou coa "Estratexia nacional fronte ao reto demográfico".

Para o desenvolvemento deste proxecto, a Deputación de Ourense porá en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, en convenio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, atenderá ao emprendedor no seu propio municipio desprazándose, deste xeito, a administración provincial ao territorio. Este PAE será un soporte que facilitará a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de tramitación de documentación e apoio, permitindo a creación da empresa nos municipios máis rurais en tan só 48 horas.

As persoas destinatarias do Proxecto EmpredOU serán os mozos de entre 16 e 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo, e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. Ademais, deberán residir durante todo o período de vixencia da axuda nalgún dos "municipios elixibles", podendo participar tanto a mocidade xa residente como aquelas que retornen ou se instalen nestes municipios.

Os interesados en participar na convocatoria poderán presentar as súas solicitudes en calquera momento desde a publicación desta convocatoria ata o 30 de novembro de 2019.