A Xunta de Goberno aproba as bases do concurso da 24ª edición do Ourense Film Festival – Sección en Curto

  • Asemade, no apartado de Cooperación con entidades e concellos da provincia, a institución provincial destinará 859.091 euros para o desenvolvemento de iniciativas de índole cultural, deportiva, de infraestruturas e de benestar.

Ourense, 23 de maio de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases reguladoras do concurso da 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) – Sección en curto, co que se pretende estimular o formato da curtametraxe no ámbito da Comunidade Autónoma Galega como expresión básica da creación audiovisual. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao xoves 23 de maio de 2019.

As curtametraxes, que se queiran presentar a este concurso, deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega; a data de estrea das pezas que se presenten ao concurso non poderá ser anterior a 2018, en caso de teren sido xa estreadas. Ademais, non poderán ter sido seleccionadas en edicións anteriores do OUFF en Curto.

As obras participantes non poden exceder dos 30 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o spot publicitario. Para os videoclips haberá unha sección específica.

Os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en castelán. En caso de seren nun idioma diferente a estes, deben estar subtitulados a unha desas dúas linguas, agás na sección de videoclips, que poderán estar en calquera lingua e non serán precisos os subtítulos. As obras competirán todas nunha categoría única, agás os videoclips que terán a súa propia.

En canto aos premios existen dous que serán elixidos polo xurado e terán unha contía de 1000 euros para a obra que sume maior puntuación e outro de 500 euros para a segunda que teña máis puntos. A maiores establécese o "Premio do Público", dotado con 300 euros, que pode ser compatible cos premios anteriores se así resultara. Na categoría de videoclips compiten por un premio único de 300 euros para o mellor que será elixido polo xurado "Millenial", podendo quedar deserta esta categoría en caso de que non se acaden un número mínimo de participantes. Os gañadores tamén recibirán unha figura conmemorativa do certame.

As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha ou varias sesións durante a celebración do OUFF 2019. Para participar no concurso os interesados deberán cubrir o formulario de inscrición En FESThome, e teñen de prazo para presentarse a partir do día seguinte ao da publicación destas bases ata o 28 de xullo de 2019.

Por outra banda, na reunión tamén se aprobou fixar en 88 euros o prezo para o Campamento da Ourensanía – Explora Ourense, en concepto de inscrición. Este campamento de verán realízase no complexo turístico do Corgo, situado en Mugueimes – Muíños, nunha primeira quenda entre os días 1 ao 7 de agosto, e nunha segunda quenda do 8 ao 14 de agosto.

Deporte

En materia deportiva, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de axudas para as Copas Deputación 2019, a través da cal destina un total de 78.759 euros en axudas para Copas Deputación de máis de 30 disciplinas deportivas como triatlón, ximnasia, vela, voleibol, wushu, xadrez, entre outras modalidades deportivas que achegarán o deporte a diferentes municipios da nosa provincia.

Cooperación

Por último, outra das temáticas protagonistas da reunión foi a cooperación con entidades e concellos da provincia para o desenvolvemento de iniciativas de índole cultural, deportiva, de infraestruturas e benestar, para as que a Deputación de Ourense destinou un orzamento de 859.091 euros.

En concreto, no relativo á cooperación con entidades, na reunión aprobáronse varias axudas destinadas a cooperar cos gastos de funcionamento de entidades culturais correspondentes ao ano 2019. Deste modo, a Asociación Academia Galega do Audiovisual recibirá unha axuda de 12.000 euros; a Asociación Cultural Fetega unha axuda de 8.000 euros; a Federación de Libreros de Galicia recibirá, pola súa parte, unha axuda de 5.000 euros; a Fundación Carlos Casares 37.000 euros; a Fundación Curros Enríquez outra axuda por importe de 30.000 euros; o Liceo de Ourense percibirá unha axuda de 30.000 euros; a Real Academia Galega unha axuda tamén de 30.000 euros.

Tamén para colaborar cos gastos de funcionamento, aprobouse unha axuda de 36.000 euros para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense. Ademais, na xuntanza aprobouse unha axuda de 220.000 euros a favor da Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense correspondentes ao ano 2019.

Na xuntanza pasouse da cultura ás infraestruturas coa aprobación dunha axuda de 76.828 euros para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, para o arranxo da súa sede. Tamén en materia de Infraestruturas aprobáronse catro axudas para a Diócese de Ourense: unha delas por importe de 46.259 euros para o proxecto e a execución do cambio de cuberta da Igrexa de San Martiño, no municipio da Mezquita; outra das axudas ascende aos 32.004 euros e será destinada á cuberta da Igrexa Parroquial de Oímbra; a terceira axuda é de 25.000 euros para o arranxo do tellado e o chan da Igrexa de Esgos; e, por último, unha axuda de 15.000 euros para o arranxo tamén da Igrexa de Vences, no municipio de Monterrei. Mentres que, en materia deportiva aprobouse unha axuda de 52.000 euros para a Escudaría Ourense destinada á celebración do Rallie 2019.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou un total de catro axudas. En concreto, para o Concello de Muíños aprobou unha axuda de 149.000 euros para o acceso á praza do Cruceiro en Barxés e o acondicionamento da Praza de San Rosendo en Mugueimes. O Concello de Punxín, pola súa parte, recibirá unha axuda de 10.000 euros para os gastos de bombeo no ano 2019, e para esta mesma finalidade aprobou unha axuda de 10.000 euros para o Concello de San Amaro. O Concello de Ribadavia tamén recibirá, pola súa parte, unha axuda de 35.000 euros destinada á Mostra Internacional de Teatro do ano 2019.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou varias modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativas ás obras incluídas no Plan complementario da rede viaria provincial no termo municipal do Barco de Valdeorras, de Ourense, de Parada do Sil e da Veiga. Asemade, aprobouse outra modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativa ao Concello de Vilariño de Conso, que incorpora ao plan principal a obra denominada "Pavimentación no núcleo rural de San Cristovo", cun orzamento total de execución de 48.000,00 €.