Declaración institucional de apoio á singularidade dos estudos aeronáuticos que conducen á profesión regulada no Campus de Ourense

Aprobada, por unanimidade da Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense, a Declaración institucional de apoio á singularidade dos estudos aeronáuticos que conducen á profesión regulada no Campus de Ourense, co seguinte contido:

"O curso 2016/2017 comezan a impartirse no Campus de Ourense os estudos de Enxeñería Aeroespacial. Estes estudos créanse como unha contraprestación á cidade polo peche ilegal da licenciatura de Física no ano 2009, segundo sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de febreiro de 2012. Con estes estudos pretende dotarse ao Campus de Ourense dunha carreira do ámbito tecnolóxico que complemente a oferta existente, liderada ata ese momento pola Escola de Enxeñería Informática, e que contribúa ao desenvolvemento tecnolóxico e industrial da rexión. Ademais, a isto únese que na área metropolitana de Ourense está a maior industria aeronáutica de Galicia, COASA, cun cadro de persoal de ao redor de 400 traballadores.

Para darlle cobertura administrativa á implantación destes estudos, a Xunta de Galicia crea a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, dentro da estrutura da Universidade de Vigo e vinculada ao Campus de Ourense. Ademais, a Xunta de Galicia dota ao dito centro cunha infraestrutura de laboratorios de 2,5 millóns de euros, o que unido á creación da Área de Enxeñería Aeroespacial por parte da Universidade de Vigo para a contratación de persoal técnico docente, garante o correcto desenvolvemento das actividades formativas.

Actualmente a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo está formando a 150 estudantes, 50 alumnos por curso, e de cara ao vindeiro curso (2019/2020) a primeira promoción de estudantes rematará os seus estudos de Grao. Os estudantes que rematen o Grao en Enxeñería Aeroespacial terán as atribucións profesionais de enxeñeiro técnico aeronáutico, de acordo coa CIN/308.

A Escola, para completar os estudos aeronáuticos no Campus de Ourense, está actualmente solicitando a implantación do Mestrado en Enxeñería Aeronáutica para o curso 2020/2021, de forma que os estudantes poidan completar a súa formación no mesmo centro. Estes estudos son tamén unha titulación regulada de acordo coa orde CIN/312 e inclúen a exclusividade para asinar proxectos relativos ao ámbito aeroespacial.

En paralelo, a Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade da Coruña, tamén está solicitando o Mestrado en Enxeñería Aeronáutica para a súa implantación no curso 2020/2021, a pesar de non ter os estudos de Grao en Enxeñería Aeronáutica na súa Universidade, nin unha escola específica para o seu acollemento. Pódese dicir que non existe no territorio español ningún precedente de impartición do Mestrado en Enxeñería Aeronáutica nun centro que non posúa o grao de acceso, o Grao en Enxeñería Aeroespacial.

A Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo propúxoselle como solución a este conflito un mestrado conxunto interuniversitario, que rexeitou de raíz aprobando unha proposta individual de Mestrado en Enxeñería Aeronáutica na súa xunta de centro o pasado martes, día 7 de maio. O rexeitamento ao mestrado interuniversitario baséase nos seguintes argumentos:

- Non existe no territorio español ningún mestrado interuniversitario en Enxeñería Aeronáutica. Incluso en rexións como a Comunidade Autónoma de Madrid, onde co-existen na mesma cidade escolas de Aeronáutica na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade Carlos III, non se dan este tipo de situacións. Isto débese por exemplo a motivos como a presencialidade requirida ao alumnado para a realización de práctica de laboratorio e de taller. En Galicia, a xestión do alumnado entre A Coruña e Ourense sería de gran complexidade debido á distancia entre as cidades, a non ser que o que se busque sexa unha duplicidade completa do título na Universidade da Coruña. Entón, o concepto interuniversitario xa perdería o sentido e deberíase falar abertamente de duplicidade de titulacións.

- Non existe no territorio español ningún mestrado en Enxeñería Aeronáutica que se imparta nunha escola que non teña os estudos de grao de acceso, neste caso os estudos de Grao en Enxeñería Aeroespacial. O grao e o mestrado aeronáuticos son titulacións vinculadas que deben impartirse no mesmo centro formativo, xa que comparten medios humanos e infraestrutura.

- A Universidade da Coruña non ten a Área de Enxeñería Aeroespacial con profesorado especialista formado, xa que non ten títulos neste eido tecnolóxico, co cal a formación dos estudantes non estaría garantida.

- Non existe no territorio español ningunha evidencia que unha escola de enxeñería de camiños imparta un mestrado en Enxeñería Aeronáutica habilitante para profesión regulada. Son dous eidos da enxeñería diferentes e non hai evidencias que coexistan no mesmo centro formativo.

- Crear un polo docente en aeronáutica na Coruña descafeinaría a aposta realizada pola Xunta de Galicia no Campus de Ourense, desaproveitando o investimento en infraestruturas realizada por ela mesma.

- A Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo recibe alumnado de toda Galicia, o que a converte nun centro saneado a nivel de estudantes e que contribúe a xerar tecido económico ao redor do campus (comercio local). Se se comeza un proceso de duplicación de estudos por parte da Universidade da Coruña, este proceso levará a un movemento de estudantes do Campus de Ourense á Universidade da Coruña, o que prexudicará ao comercio local ao redor do Campus (bares, restaurantes, papelerías, etcétera).

Baseándose no anteriormente explicado, a Deputación Provincial de Ourense solicítalles ás institucións claridade neste tema e que se defenda a aposta polo Campus de Ourense e polos seus estudos aeronáuticos, de forma que manteñan a súa singularidade no sistema universitario de Galicia, tanto a nivel de grao como de mestrado universitario, xa que son títulos que conducen ás profesións reguladas de enxeñeiro técnico universitario, xa que son títulos que conducen ás profesións reguladas de Enxeñeiro Técnico Aeronáutico e Enxeñeiro Superior Aeronáutico".