A Deputación de Ourense celebra o Día das Letras Galegas coa música de María do Ceo

  • O presidente do goberno provincial explicou que esta iniciativa "nace co obxectivo de achegar aos ourensáns do futuro, o amor pola terra e a nosa cultura".

Ourense, 16 de maio de 2019.- A Deputación de Ourense celebra o Día das Letras Galegas ao ritmo da música de María do Ceo, cunha iniciativa que naceu este ano "co obxectivo de achegar aos ourensáns do futuro, o amor pola terra e a nosa cultura", explicou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar.

A fadista María do Ceo está a facer un percorrido musical pola nosa provincia con concertos didácticos que pretenden achegar aos cativos ourensáns "un maior coñecemento da cultura de Galicia, durante esta semana na que se conmemora a un dos grandes das nosas letras, Antonio Fraguas, protagonista tamén do nº 43 da Revista Raigame, editada pola Deputación de Ourense", explicou Baltar.

A revista de arte, cultura e tradicións populares céntrase este ano nun "dos bos e xenerosos da nosa cultura, Antonio Fraguas, facendo unha revisión xeral da súa obra e abordando con especial fincapé no aspecto da súa relación coa provincia de Ourense coa que sempre tivo unha especial vinculación porque aínda que el naceu en Pontevedra, a súa nai era ourensá", salientou o presidente da Deputación de Ourense.

Concertos didácticos

Os concertos didácticos a cargo de María do Ceo comezaron o 14 de maio en Verín e tras estar o día 15 de maio no Barco, chega hoxe, 16 de maio, ao municipio de Barbadás. Posteriormente, o día 20 de maio, chegará a súa música ao municipio de Celanova, e continuará ao día seguinte en Allariz, para poñer o broche final a esta proposta cultural o día 22 de maio no Carballiño. Os concertos celébranse nos Auditorios destes municipios, ás 11.00 horas, en colaboración cos colexios da zona.