Paderne de Allariz acollerá a XII andaina solidaria a favor de Cruz Vermella da comarca de Maceda

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará o vindeiro domingo, 12 de maio, conxuntamente coa segunda edición do Trail do municipio.

Ourense, 7 de maio de 2019.- O municipio de Paderne de Allariz acollerá o vindeiro domingo, 12 de maio, a XII andaina solidaria que se celebrará a favor de Cruz Vermella da comarca de Maceda e o seu II Trail. A presentación destes eventos deportivos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde e o tenente de alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández e José Abad Gil; a presidenta e o colaborador da Asociación de Mulleres Rurais de Solveira, Mª Carmen Pérez e Maximino Evia; e o membro do comité comarcal Cruz Vermella Maceda, Amancio Isidro Lameiras.

A Deputación de Ourense colabora con estas iniciativas que ofrecerán aos participantes "deporte e natureza, contribuíndo á dinamización do territorio e á posta en valor do noso rural", sinalou Bernardino González, quen felicitou ao concello polo marcado "carácter solidario" da andaina que chega xa a súa duodécima edición.Pola súa parte, o alcalde de Paderne de Allariz explicou que o percorrido da proba "discorre por lugares emblemáticos e sempre buscamos que sexan traxectos diferentes para dar a coñecer o noso territorio".

A andaina comezará ás 9.00 hora con dúas posibles rutas de 21 e 11 quilómetros. Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 8 de maio, sendo a cota da inscrición de 8 euros. Pola súa parte, o trail comezará ás 10.00 horas e cun percorrido de 21 quilómetros. Os interesados en participar nesta proba poden inscribirse na páxina web www.galitiming.com, por un prezo de 15 euros, ata o día 8 de maio.

Amancio Isidro Lameiras agradeceu, en nome de Cruz Vermella da comarca de Maceda, a colaboración que lle ofrece á entidade o Concello de Paderne de Allariz, "doándonos o 75% do recadado coas inscricións da andaina". O diñeiro recadado –explicou Amancio Isidro Lameiras- irá destinado "para as primeiras necesidades dos nenos e das familias. Por exemplo, actualmente temos dous grupos de nenos de entre 6 e 13 anos en Maceda e Allariz, aos que lles axudamos cos deberes e tamén lles ensinamos hábitos de comida saudable".