Un novo proxecto de Alfonso Sucasas exposto no centro cultural "Marcos Valcárcel"

  • A mostra "O Reino do vento" inaugurarase hoxe ás 20.00 horas.

Ourense, 25 de abril de 2019.- O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle un novo proxecto de Alfonso Sucasas, "O Reino do vento", unha pequena retrospectiva conformada por series realizadas en distintas décadas da súa carreira. A presentación da mostra tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; a viúva do pintor, María Espinosa; e a comisaria da mostra, Mercedes Rozas.

O vicepresidente do goberno provincial destacou a oportunidade de coñecer "obras inéditas deste artista que nunca antes se expuxeran, grazas á colaboración da súa viúva, e que con esta exposición conseguimos perpetuar no tempo a valía e traxectoria deste importante artista galego". Neste mesmo sentido, o director do centro cultural dixo que se trata dunha mostra que "buscabamos desde hai tempo, dun dos nomes de referencia da plástica galega, porque Alfonso Sucasas é un dos pintores clave para entender a arte contemporánea galega".

Pola súa parte, a comisaria da mostra explicou que esta exposición é para ela "un reencontro coa obra dun artista importante, porque a última mostra que se lle fixo en vida fixéraa eu". Mercedes Rozas salientou a longa traxectoria deste artista "quen tivo un percorrido moi intenso ao longo de varias décadas" e nesta mostra "O Reino do vento" -título que foi extraído dun texto de José Hierro-, o espectador atopará varias temáticas que se complementan cunha "recompilación de textos de diversos escritores galegos cos que Alfonso Sucasas tiña boa relación: Méndez Ferrín, José Hierro, Manuel María e Blanco Amor, entre outros", engadiu a comisaria da mostra.

Mercedes Rozas, quen fixo un breve percorrido pola traxectoria artística do autor da mostra, explicou a pegada que ten nas súas obras a súa estadía en diferentes países de América, aos que se foi a vivir nos anos 50 e 60, e froito desa "relación con outras paisaxes e formas de pintar levárono a facer todas esas follas que temos nesta exposición", sinalou a comisaria da mostra. Nos anos 90 fixo moitas exposicións con varias temáticas como os espidos, os xogadores de cartas, así como unha serie de obras sobre o Camiño de Santiago. "Trátase dunha longa traxectoria cunha gran vinculación coa natureza, na que quixemos facer fincapé nesta exposición", matizou Mercedes Rozas. A mostra será inaugurada hoxe ás 20.00 horas.