"Caminos de tierra" promocionará Ourense nunha viaxe por Europa cunha caravana autosostible

  • Manuel Baltar dixo, na presentación deste proxecto, que a Deputación de Ourense "implicada desde o primeiro minuto coa promoción da nosa provincia, viu neste proxecto unha oportunidade para rendibilizar turísticamente Ourense".

  • O proxecto consiste nunha gravación dun documental que narrará a aventura da viaxe que tres mozos farán de Galicia a Galitzia (Polonia) nunha caravana equipada por paneis fotovoltaicos con capacidade para cubrir as necesidades de electricidade.

  • A viaxe levará a tres mozos a percorrer 11 países en 45 días co obxectivo de poñer en valor e deixar testemuña do potencial das enerxías renovables aplicadas ao transporte e do atractivo turístico da provincia de Ourense.

Ourense, 11 de abril de 2019.- O proxecto "Caminos de tierra" inicia hoxe a súa aventura que promocionará Ourense nunha viaxe por Europa cunha caravana autosostible que levará a tres mozos a demostrar o potencial das enerxías renovables e do atractivo turístico da provincia de Ourense, así o explicaron na presentación desta iniciativa, que tivo lugar nos xardíns Padre Feijoo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o organizador e o coordinador do proxecto, José Quintas e Diego Maraña.

No acto, Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense "como o mellor axente comercial da provincia, implicada desde o primeiro minuto coa promoción do noso territorio, viu neste proxecto unha oportunidade para rendibilizar turísticamente Ourense nunha experiencia de 45 días e 10.000 quilómetros que vamos a poder seguir en directo e tamén a través do documental no que estes tres ourensáns divulgarán a riqueza turística da nosa provincia".

Esta viaxe promocional comezou hoxe, ao carón do Pazo Provincial, e vai a conectar esta Galicia coa Galitzia polaca, a terra da que era orixinario o Papa Juan Pablo II, entre outros", dixo Manuel Baltar, quen propuxo aos protagonistas desta aventura o reto de que unha vez culminen esta expedición, a Deputación de Ourense "apoiará tamén unha nova excursión medioambiental, sostible e que promocione o mellor da nosa provincia, que conecte o Ourense no que estamos agora co Orense de Bos Aires, outros 10.000 quilómetros, cunha parte por mar que haberá que solventar con barco, pero que alí vos recibirán cos brazos abertos".

Esta iniciativa, impulsada por Pixel Audiovisuais e MundiNova Consultores de Comunicación, consistirá na gravación dun documental que narrará a viaxe de Galicia a Galitzia (Polonia) nunha caravana vintage autosostible. A peculiaridade da caravana desta iniciativa é que se trata dun modelo de 1986, localizada e restaurada polos protagonistas e que está equipada por paneis fotovoltaicos con capacidade para cubrir as necesidades de electricidade da aventura. Ademais a caravana está rotulada con algunhas das imaxe máis representativas de Ourense.

11 países en 45 días

A aventura será protagonizada por tres mozos: José Quintas, Nacho Sola e Andrés Gonzalo, que percorrerán 11 países (España, Francia, Mónaco, Italia, Austria, Hungría, Polonia, República Checa, Alemaña, Países Baixos y Bélxica), en 45 días co obxectivo de poñer en valor e deixar testemuña do potencial das enerxías renovables aplicadas ao transporte e do atractivo turístico da provincia de Ourense, de modo que se vai a promocionar a nosa provincia como destino turístico e termal, así como a Ribeira Sacra, declarada por unanimidade candidata de España a Patrimonio Mundial da UNESCO.

Na presentación desta iniciativa, o coordinador do proxecto destacou "a cooperación de Pixel Audiovisuais e MundiNova Consultores de Comunicación, que aportou un valor diferentes ao que ó principio era unha aventura de tipo persoal". O proxecto "Caminos de Tierra", ao ser xerado en Ourense e que quería poñer en valor a sostibilidade, "involucrouse á Deputación de Ourense para que esta iniciativa fose unha embaixadora máis da provincia e da súa riqueza turística, termal e natural, por toda Europa", engadiu Diego Maraña.

Pola súa parte, José Quintas dixo que o documental, ademais de mostrar o comportamento das fontes renovables aplicadas á caravana, "mostrará tamén a nosa experiencia persoas nesta aventura que se afasta completamente do nosa vida cotiá, percorrendo distintos países nunhas condicións diferentes e interactuando coas persoas que nos atopemos polo camiño como prescriptores de Ourense en Europa".

A viaxe, que comeza hoxe desde Ourense, terá a súa primeira parada na cidade de Madrid, onde mañá venres, os protagonistas desta aventura "Caminos de tierra" serán recibidos pola embaixadora de Poloña en España, Marzena Adamczyk. Tódolos interesados que queira seguir esta viaxe a diario poderán facelo a través das redes sociais: Instagram (www.instagram.com/caminosdetierraeuropa; Facebook (www.facebook.com/Caminosdetierraeuropa); e Twitter (@CaminosTierra).