Obradoiros de Stop Motion, música, E-Sports, cine e os Premios "Rodolfo Prada", enchen a quinta xornada da "Ourense ICC Week" 2019

  • As actividades comezaron cunha oferta lúdica na que participaron preto de 50 cativos que tiveron a oportunidade de descubrir a animación audiovisual.

  • Na ICC Show Wermú actuaron Mounqup, Los Nastys, Joe Crepúsculo e Colectivo DIAL.

  • Na competición dos E-Sports xa se disputaron as semifinais e finais dos torneos gratuítos de Fortnite e FIFA 19, cunha gran acollida de público.

  • Pola tarde, celebrouse no centro cultural "Marcos Valcárcel" un coloquio dedicado ao cine baixo o título "Cidades de Celuloide".

  • Posteriormente, realizouse a entrega dos Premios "Rodolfo Prada" á xestión cultural, que convoca a Deputación de Ourense.

Ourense, 6 de abril de 2019.- A quinta xornada da "Ourense ICC Week" 2019 comezou hoxe cunha actividade dirixida aos máis cativos, no marco da ICC Kids, onde preto de 50 nenos e nenas de entre 7 e 12 anos gozaron do "Obradoiro de Stop Motion Crea R" no que tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da animación audiovisual, utilizando ferramentas tecnolóxicas pero, sobre todo, moita creatividade.

A sesión consistiu na personalización por parte dos nenos, dun logo da marca R, para posteriormente, usando unha app específica, darlle vida a este obxecto. Trátase da técnica máis básica da animación no cine e a televisión o "StopMotion" que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de imaxes fixas.

A actividade correu a cargo da academia "Líbolis pequeños emprendedores", que é a encargada das actividades "crea R". A empresa é especialista en traballar as posibilidades creativas en tres áreas específicas: a robótica, a arquitectura e o audiovisual. A súa responsable, Noemí Bellas, destacou que os obradoiros están sempre ligados ás novas tecnoloxías pero "entendidas como un medio e nunca como un fin en si mesmas" o obxectivo, explicou "é o de espertar nos pequenos a súa faceta creativa" e para elo inclúen nas súas actividades unha parte de traballo manual e de deseño.

Ademais de actividades para cativos, nesta quinta xornada volveu de novo a ter protagonismo a música na ICC Show Vermú, coas actuacións de Mounqup, Los Nastys, Joe Crepúsculo e Colectivo DIAL. Pola súa parte, os E-Sports continúan coa súa competición e esta mañá xa se desputaron as semifinais e finais dos torneos gratuítos de Fortnite e FIFA 19, nunha emocionante competición cunha gran acollida de público. Pola tarde foi o prato forte deste apartado da ICC dedicado aos videoxogos, coas finais de SCE GT Sport de Mundo GT, e co inicio das finais de F1.

Pola tarde, as actividades trasladaranse ao centro cultural "Marcos Valcárcel", para falar dos Festivais de cine, da man de profesionais do sector como a subdirectora do Festival de Sitges, Mónica G. Massagué; a directora do BCN Film Fest, Contxita Casanovas; o director do Festival Cortocircuito, Pela del Álamo; e o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Posteriormente, trala mesa de debate sobre os festivais de cine, celebrouse o acto de entrega dos Premios Rodolfo Prada 2019, á xestión cultural, galardón convocado pola Deputación de Ourense.

Programación para o domingo

O domingo, 7 de abril, comezarán as actividades ás 10.00 horas, no Liceo de Ourense, coa celebración do ICC E-Sports que rematará ás 14.00 horas. Por último, como xornada de clausura a esta quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, o humorista Luís Piedrahita, quen ofrecerá o seu monólogo "Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas", no Auditorio Municipal de Ourense.