O Xadrez de San Rosendo, xoia do patrimonio ourensán, a debate na terceira xornada da "Ourense ICC Week"

  • Estas oito pezas de cristal conservadas na Catedral de Ourense, imaxe desta quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, constitúen un dos vestixios máis antigos deste xogo en toda Europa.

  • Leontxo García, Fernando Valdés, Anselmo López Carreira e Pablo Culebras foron os protagonistas da mesa redonda centrada nesta temática que se celebrou esta mañá no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Ourense, 4 de abril de 2019.- A terceira xornada da quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas comezou hoxe cunha mesa de debate centrada nunha das xoias máis importantes do patrimonio ourensán, o Xadrez de San Rosendo, imaxe tamén desta edición da "Ourense ICC Week". Estas oito misteriosas pezas de cristal conservadas na Catedral de Ourense constitúen un dos vestixios máis antigos deste xogo en toda Europa.

A mesa estivo protagonizada polo xornalista de El País e Mestre Internacional de Xadrez, Leontxo García; o doutor de Arqueoloxía Islámica na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Valdés, o historiador experto na Galicia Medieval e profesor da UNED de Ourense, Anselmo López Carreira. A mesa foi moderada polo autor do libro Xaque a Jakobusland, Pablo Culebras, no que se mestura a historia do xadrez, a figura de San Rosendo e as invasións viquingas a Galicia.

Os participantes na mesa de debate analizaron a importancia deste ben patrimonial desde a vertente histórica, pero tamén poñendo o acento sobre outro ben cultural, como pode ser a práctica do xadrez. Á charla tamén asistiu o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, a onde probablemente chegaron as pezas na Idade Media. De feito, Fernando Valdés dixo que puido chegar a "Celanova coa intención de ser usado como adorno ou formando parte da ornamentación dun obxecto maior".

Pablo Culebras, encargado de introducir o tema, dixo que as pezas de San Rosendo son "un activo das Industrias Culturais e Creativas de nivel europeo, que poden e deben converterse nunha icona do noso patrimonio polo seu valor" e propuxo que se poden "considerar milleiros de ideas para converter estas pezas en protagonistas de iniciativas que permitan a súa divulgación".

Neste mesmo sentido, Anselmo López Carreira explicou que "os mitos teñen moita utilidade como elementos de reclamo para introducirnos na historia" así, subliñou, que a través destas pezas podemos volver, a un momento histórico concreto como foi a Galicia do século X, e coñecer a figura de San Rosendo.

O arqueólogo Fernando Valdés, o maior experto español sobre este tipo de figuras, explicou que España é o único país europeo que as ten catalogadas, 45 en total, das preto de 200 que hai en toda Europa. Valdés destacou que o Xadrez de San Rosendo está elaborado a partir do segundo mineral máis duro, despois do diamante: o cristal de rocha. Un material que por tradición entendeuse procedente de Exipto, algo que o Doutor quixo hoxe poñer en dúbida anunciando a modo de primicia que "seguramente, as de San Rosendo proceden de Córdoba".

Pola súa parte, o xornalista Leontxo García, dirixiuse ao público coa "intención de convencervos sobre a importancia da práctica do xadrez en pleno século XXI", argumentando que se trata dun xogo "baseado en pensar, hoxe unha gran parte do mundo camiña cara a idioticracia, precisamos contrapesos".

Leontxo explicou que máis dun século de investigación científica e probas contrastadas, corroboran os beneficios do xadrez, asegurando que os alumnos que o practican melloran en intelixencia emocional, e en resultados académicos, como en matemáticas e comprensión lectora.

Ao remate da mesa de debate, o alcalde de Celanova e o responsabe de Cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro, entregáronlle aos relatores unhas reproducións das pezas en chocolate. Trátase dunha iniciativa do módulo de repostería do "Obradoiro de Emprego Terras de Rosendo". As pezas convertidas en bombóns, queren seguir o modelo desenrolado con éxito noutras partes, como por en exemplo en Santiago, coas Pedras de Compostela

Festivais, creatividade e documental

Pola tarde, as actividades centraranse na industria musical coa presentación das liñas de traballo da Asociación de Festivais de Galicia a cargo do xerente da mesma, Xabier Alonso. Seguidamente, ás 17.30 horas, será a presentación do Fest Galicia, da man do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

Ás 19.00 horas celebrarase o Foro "La Región" da man da directora do Club de Creativos, Concha Wert, quen analizará as cuestións da creatividade e a publicidade. Por último, ás 20.30 horas, proxectarase o documental "In the middle of norway".

Programación para o venres

Mañá venres, 5 de abril, comeza ás 9.00 horas, o maior encontro de gamers de Galicia, os ICC E-Sports, no Liceo de Ourense. Continuando nesta temática, ás 11.00 horas, e tamén no Liceo de Ourense, terá lugar a charla "Videoxogos: Dos riscos ás oportunidades", dirixida á mocidade de 12 a 17 anos, a cargo do doutor José Luis Montiel e do fundador de Mundo GT, Alfonso Rodríguez. Ás 12.00 horas, as actividades trasladaranse á Sede Afundación en Ourense, onde se celebrará unha Masterclass de animación 3D a cargo de Anibal Santaella, Jesús Justicia e Inés Sánchez, da Escola Trazos.

Pola tarde, será a quenda para as tendencias na tecnoloxía da man do director de contidos de "El País Retina", Jaime García Cantero, quen analizará o impacto do Internet das Cousas. O acto terá lugar na Sede Afundación en Ourense. Ás 18.30 horas, chega a música á "Ourense ICC Week", na Fonte do Rei, coas actuacións de Adriana Proenza e Soledad Vélez.

Posteriormente, ás 19.30 horas celebrarase o Foro "La Región", na Sede Afundación en Ourense, centrado na da industria musical, da man do presidente de Warner Music, José Carlos "Charly" Sánchez, e do xornalista musical, Vicente "Mariskal" Romero. Por último, será a música a que peche esta nova xornada da Semana das Industrias Culturais e Creativas co concerto de Kiko Veneno no Teatro Principal de Ourense.