Manuel Baltar destaca en "Vinis Terrae" que este certame "amosa ao mundo do viño as excelencias deste produto na nosa terra"

  • O presidente da Deputación de Ourense presidiu hoxe en Expourense o acto de apertura da 8ª edición desta feira sectorial do viño e dos licores galegos de calidade, que reúne a importadores e compradores de 14 países.

Ourense, 1 de abril de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe o acto de apertura da 8ª edición da feira "Vinis Terrae", en Expourense, un certame que se celebra grazas ao financiamento da Deputación de Ourense e que supón o evento máis importante dos viños das cinco denominacións de orixe galegas. Entre hoxe e mañá martes importadores e compradores de 14 países terán a oportunidade de coñecer as últimas añadas das máis de 50 adegas adscritas ás denominacións de orixe galegas, un sector vitivinícola que, segundo destacou Manuel Baltar na súa intervención, "é estratéxico dentro da economía ourensá, e ten no goberno provincial un aliado para favorecer a súa competitividade e promoción, tendo en conta a gran relevancia que a nosa provincia ten neste ámbito, ao contar con catro das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia".

O presidente do goberno provincial salientou a cooperación como palabra clave, "tamén o é neste certame, que amosa ao mundo do viño as excelencias deste produto na nosa terra, pois ao longo destes días os visitantes terán a oportunidade de realizar intercambios comerciais e presenciar obradoiros vencellados ao mundo do viño, para coñecer mellor os produtos vinícolas e tamén o labor que se desenvolve desde a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia".

Baltar agradeceu "aos 55 expositores -48 deles, adegas- e aos 14 países presentes nesta feira, que saberán aproveitarán estes días en Ourense para comprobar os nosos produtos e transmitir as súas excelencias máis aló das nosas fronteiras cara aos mercados máis esixentes", e engadiu que a novena edición de Vinis Terrae, a do ano próximo, "contará cunha vantaxe adicional: que a entrada da alta velocidade a Galicia será por Ourense, e estaremos a pouco máis de dúas horas da capital de España e, consecuentemente, os nosos produtos estarán máis preto dos potenciais consumidores e exportadores".

"Ourense Vinis Terrae" é un salón enfocado exclusivamente ao sector profesional, especialmente a fomentar o negocio e encontros B2B entre as adegas participantes e potenciais compradores procedentes de 14 países, tanto os considerados mercados Internacionais tradicionais (Centroeuropa e Estados Unidos) como novos mercados doutros continentes. Outra das liñas é a potenciación da presencia dos viños de Ourense noutras comunidades españolas, a través de accións dirixidas á canle horeca e prescriptores, coma son os sumilleres que seleccionan as cartas de viños presentes en territorios de grande concentración turística.

Tanto compradores como prescriptores terán a oportunidade estes días de coñecer de primeira man as zonas produtivas e adquirir así un maior coñecemento sobre as variedades autóctonas autorizadas polos consellos reguladores en territorio ourensán.

Tralo acto de inauguración, as autoridades percorreron os stands da feira saúdando aos expositores. Ademais dos talleres e relatorios, mañá martes terá lugar a presentación por parte da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia do "Monográfico sobre treixadura", acto no que participará o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.