Manuel Baltar: "Homenaxear a José Manuel Pérez Canal é homenaxear a Ourense"

  • O presidente da Deputación destacou esta tarde no acto de homenaxe ao que fora presidente da CEO a súa traxectoria humana e profesional e o seu talante conciliador.

Ourense, 28 de marzo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, no acto de homenaxe a José Manuel Pérez Canal que recoñecer a súa figura "significa homenaxear a Ourense". "Sempre reivindicaba á súa pertenza a esta terra –lembrou Baltar-, e para el Ourense sempre se escribía con maiúsculas".

Baltar, quen tivo no seu discurso palabras de recoñecemento para o presidente de honra de La Región, José Luis Outeiriño, "quen nos deixou hai poucas horas, un xigante da historia de Ourense", destacou a traxectoria humana e profesional de José Manuel Pérez Canal. "A relación institucional que mantivemos entre a Deputación de Ourense e a CEO fixo que puxéramos en marcha iniciativas innovadoras como as misións comerciais de Estados Unidos a Ourense ou o plan Exportou de apoio á internacionalización das nosas empresas".

O presidente do goberno provincial salientou de José Manuel Pérez Canal "o seu talante conciliador, pensando sempre no que une, e por esa razón esta homenaxe e todas as que lle fagamos estarán ben conceptuadas". Baltar lembrou a iniciativa que propuxera en novembro pasado, no acto de entrega dos VI Premios de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense, para que estes galardóns do Campus de Ourense pasen a denominarse "Premios José Manuel Pérez Canal", "sería unha xusta homenaxe a unha persoa que cría en Ourense, para seguir lembrando a súa figura, un espello para todos os que nos sentimos orgullosos da nosa provincia".

O acto, que clausurou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, tivo lugar no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense e foi unha lembranza da sociedade galega ao que fora presidente da Confederación de Empresarios de Ourense e conselleiro delegado de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal, falecido en novembro pasado. Unha homenaxe á que as principais institucións galegas quixeron sumarse, impulsada polos ex presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Dieter Moure, xunto á Confederación de Empresarios de Ourense e á Deputación de Ourense.

Ademais de Baltar e Núñez Feijoo interviñeron no acto familiares do homenaxeado, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicario xeral de Ourense, José Joaquín Borrajo; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; os ex presidentes da CEG José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Dieter Moure; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e a vicepresidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Novoa.

Todos eles destacaron a calidade humana de Pérez Canal e a súa valía como empresario que soubo guiar a gran expansión de Aceites Abril para convertela nunha das firmas de referencia no sector agroalimentario galego, así como o seu compromiso desinteresado na defensa dos intereses do tecido económico ourensán e galego.