Ourense, capital das ciencias exactas, coa celebración da "LV Olimpíada Matemática"

78 estudantes de ESO e Bacharelato de toda España compiten neste concurso, que se desenvolve en Ourense entre os días 21 e 24 de marzo, logo dunha fase previa nacional na que participaron máis de 3.000 alumnos.

Manuel Baltar destacou na presentación do evento a importancia de que "Ourense acolla un certame desta relevancia", e agradeceu á Real Sociedade Matemática Española "o labor que desenvolve a prol da formación e do fomento das matemáticas, da investigación e da ciencia".

Ourense, 20 de marzo de 2019.- "Ourense convértese nestes días na capital nacional das ciencias exactas, coa celebración da LV Olimpíada Matemática". Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación deste certame, que reúne en Ourense do 21 ao 24 de marzo aos 78 estudantes de ESO e Bacharelato de toda España que disputarán a fase final deste concurso, que premia aos xóvenes que máis destacan en matemáticas.

Na presentación, xunto a José Luis Díaz Barrero, representante da Real Sociedade Matemática Española, o presidente do goberno provincial destacou que desde o primeiro momento en que se presentou esta candidatura "amosámonos absolutamente dispostos a acoller na nosa provincia este evento, que é a primeira vez que se desenvolve en Ourense e que nos vai dar, sen dúbida, unha gran visibilidade, vinculado á formación e na liña do que o goberno provincial vén traballando", e remarcou que "Ourense acollerá en setembro de 2020 o inicio de actividade do Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, que será un referente neste ámbito".

Baltar agradeceu á Real Sociedade Matemática Española "o labor que desenvolve a prol da formación e do fomento das matemáticas, da investigación e da ciencia" e felicitou aos estudantes finalistas por acadar estar fase logo das etapas previas que desenvolveu este certame, no que participaron máis de 3.000 alumnos nas distintas fases locais. Manuel Baltar afirma que cooperar desde a Deputación de Ourense "para promover os valores que acredita o ensino e as súas disciplinas científicas, humanísticas, culturais e sociais, é un labor que temos que seguir impulsando e potenciando a prol da nosa mocidade".

Pola súa banda, Díaz Barrero explicou o desenvolvemento da olimpíada, "que así se define porque os retos que se propoñen aos estudantes -por medio de seis problemas matemáticos- requiren dun adestramento previo, como acontece nas olimpíadas de atletismo", e engade que as Olimpíadas Matemáticas "son un termómetro que cada ano nos permite medir o talento que temos no noso país".

Nesta fase final, que se desenvolverá no centro cultural "Marcos Valcárcel" a partir do vindeiro venres, ás 10.00 horas, compiten estudantes de todas as rexións de España, e os premios consistirán en 36 medallas de ouro, prata e bronce.

Este evento, organizado desde 1964 pola Real Sociedade Matemática Española (RSME) en colaboración co Ministerio de Educación, e este ano co apoio da Deputación de Ourense, realízase seguindo o modelo que se aplica en todo o mundo para este concurso e xoga un papel de grande relevancia na detección e formación de xóvenes talentos en matemáticas.

Na Olimpíada Matemática participan estudantes de Bacharelato e, co aval do profesor, tamén o fan alumnos dos últimos cursos de ESO. Consta dunha primeira fase local, na que participaron máis de 3.000 estudantes, e unha fase autonómica, que determinou os participantes na fase final que se celebra en Ourense. As probas consisten na resolución de seis problemas, repartidos en dúas sesións de tres horas e media de duración cada unha, sendo a comunidade autónoma que máis alumnos achega a este concurso Andalucía (12), seguida de Madrid e Cataluña (9 cada unha), Valencia (6) e as restantes comunidades, entre elas Galicia, participan con 3 alumnos cada unha, contando as cidades autónomas de Ceuta e Melilla cun representante cada unha delas. O acto de entrega de medallas da LV OIimpíada Matemática terá lugar o vindeiro sábado no Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense.