Máis de 70 horas de programación nunha decena de campos de vangarda creativa na "Ourense ICC Week" 2019

  • Moda, actualidade, publicidade, tendencias tecnolóxicas, videoxogos, humor e espectáculos musicais, enchen o cartel da Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense.

  • O presidente da Deputación de Ourense e os coordinadores da "Ourense ICC Week" presentaron hoxe o programa completo desta quinta edición que converterá do 2 ao 7 de abril a Ourense, no epicentro cultural de Galicia.

  • Baltar destacou que esta iniciativa "traslada con éxito a imaxe sobre turismo cultural de Ourense, cunha programación que se centra nas cuestións de vangarda de diferentes disciplinas creativas e con vocación de visión global da provincia".

Ourense, 18 de marzo de 2019.- A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, "Ourense ICC Week", que organiza a Deputación de Ourense do ao 7 de abril, ofrecerá neste 2019 máis de 70 horas de programación nunha decena de campos de vangarda creativa, aglutinando nun mesmo evento moda actualidade, publicidade, tendencias tecnolóxicas, videoxogos e espectáculos musicais, que converterán a Ourense no epicentro cultural de Galicia. A presentación da programación completa desta edición tivo lugar hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araújo.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que esta iniciativa xa consolidada "traslada con éxito a imaxe sobre turismo cultural de Ourense, cunha programación que se centra en cuestións de vangarda de diferentes disciplinas creativas e con vocación de visión global da provincia". Así mesmo, Manuel Baltar salientou que este evento "foi medrando desde que se concibiu en canto a crítica, público e oportunidades".

A programación desta quinta edición ocupará "máis de 70 horas de axenda cultual, en ata oito espazos diferentes da cidade de Ourense. Serán en total 23 citas na programación con 13 mesas de traballos con 25 relatores de primeiro nivel, 7 concertos de diversos estilos e outras opcións de ocio como obradoiros para nenos, videoxogos ou humor", explicou Manuel Baltar. Trátase, polo tanto, de dez campos diferentes no amplo abano das industrias culturais e creativas tocando temas como: deseño de moda, arquitectura, xornalismo e actualidade, patrimonio cultural, industria musical, publicidade, audiovisuais, animación e tendencias tecnolóxicas, entre outros.

O obxectivo desta iniciativa mantense firme desde a primeira edición: poñer en valor a actividade económica dun sector clave na Europa do século XXI, e converter así a provincia de Ourense no punto de encontro cultural e creativo, xerando un debate enriquecedor ao redor do pensamento de vangarda.

Os organizadores destacaron que agás as citas do Teatro Principal e o Auditorio, a meirande parte dos eventos da programación son de balde e abertos a todo o público, sempre previa reserva de invitación a través da páxina web www.ourenseiccweek.com. Neste sentido, Manuel Araújo dixo que "a maior parte das actividades presentadas xa están completas porque cada vez hai máis xente interesada no evento".

Publicidade

As novidades presentadas hoxe sobre a programación son o apartado dedicado a simbiose creatividade-publicidade que este ano chega da man de Concha Wert, xornalista, publicista e directora xeral do Club de Creativos, asociación sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade do traballo creativo en España. A súa charla integrarase no formato "Foro La Región", e terá lugar o xoves, 4 de abril, ás 19.00 horas no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Arquitectura e artesanía

A través dun espazo de diálogo coa escola EASD Antonio Faílde de Ourense (Escola de Arte e Superior de Deseño) a "Ourense ICC Week" centra a atención na artesanía e o deseño como un valor que merece ser protexido. A voz experta neste apartado será a da xornalista e historiadora Anatxu Zabalbeascoa. Anatxu é a correspondente da sección de arquitectura do xornal El País, onde escribe desde hai 22 anos. O evento terá lugar o mércores, 3 de abril, ás 11.00 horas no ESAD Antonio Faílde.

Actualidade

A quinta edición da "Ourense ICC Week" introduce unha nova sección no foro dedicada a actualidade que terá como protagonistas a Víctor Lenore, xornalista e crítico musical recoñecido a nivel nacional polo seu traballo en medios como El Confidencial, El País, TVE2...que na actualidade escribe no diario dixital VozPopuli, que entrevistará ao músico e produtor musical, Teddy Bautista, para falar do sucedido nos últimos dez anos. Trátase dunha charla aberta que terá lugar o mércores, 3 de abril, ás 17.00 horas, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Industria audiovisual

No marco da "Ourense ICC Week" 2019 celebrarase a entrega dos Premios María Luz Morales que chegan a súa terceira edición co obxectivo de promover e difundir a investigación científica en materia audiovisual. Un evento organizado pola Academia Galega do Audiovisual e financiado polas catro deputacións galegas. Este galardón, que fomenta a creatividade e a independencia investigadora, rende homenaxe a unha muller galega pioneira na crítica cinematográfica española, María Luz Morales. O evento celebrarase o mércores, 3 de abril, ás 11.30 horas, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Documental

Nesta quinta edición inclúese na programación a proxección do documental dirixido por Mía P. Salazar sobre a dobre vida que se ve obrigado a levar Jorge Martí, o cantante do grupo de música indie "la Habitación Roja". O documental In the middle of norway será proxectado o xoves, 4 de abril, ás 20.30 horas no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Festivais de cine

O foro creativo quere poñer nesta edición o foco sobre os festivais de cinema, eventos que reúnen nunha cidade concreta a tódolos axentes da industria: as estrelas da pantalla, os directores, os produtores e os públicos. Nas últimas décadas, os festivais de cinema, incluídos algúns especializados en xéneros concretos, floreceron con particular abundancia no noso país e sobre iso se centrará o relatorio no que participará a subdirectora do Festival de Sitges, Mónica G. Massagué: a directora do BCN Film Fest, Contxita Casanovas; o director do Festival Cortocircuito, Pela del Álamo; e o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. A mesa sobre cine desenvolverase o sábado, 6 de abril, ás 16.30 horas, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Industria musical

O foro servirá tamén como punto de encontro dos profesionais do sector dos festivais galegos. Así a Asociación festivais de Galicia celebrará un encontro para presentar as liñas de traballo para este 2019. Como membros de esta asociación empresarial estarán representado os seguintes festivais: 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Festival Sinsal SON Estrella Galicia, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS SON Estrella Galicia. Este evento será tamén o 6 de abril, ás 16.30 horas, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Fest Galicia

Durante a celebración da quinta edición da "Ourense ICC Week", o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, presentará Fest Galicia. Unha marca creada para promover o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. Esta cita terá lugar no centro cultural "Marcos Valcárcel", o día 4 de abril, ás 17.30 horas.

Premios Rodolfo Prada

Na Semana das Industrias Culturais e Creativas tamén se entregará o Premio Rodolfo Prada, un galardón dirixido a profesionais da xestión cultural. Trátase dunha iniciativa convocada pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. O premio é unha homenaxe ao galeguista Rodolfo Prada, nacido en Os Peares e emigrado a Arxentina, onde foi o gran valedor de Castelao e un referente para toda a comunidade galega. A entrega terá lugar o sábado, 6 de abril, ás 17.30 horas, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Tendencias e tecnoloxía

O apartado dixital da "Ourense ICC Week" 2019 terá carácter formativo cunha clase práctica de animación en 3D. A charla correrá a cargo da Escola Trazos, unha academia de vangarda, que leva máis de 25 anos formando a profesionais do deseño en diversas disciplinas: deseño gráfico, desenrolo Web, animación, VFX, postprodución, videoxogos, mobile design, social media, fotografía, arquitectura e son dixital. O relator da masterclass será o ex alumno da Escola Trazos, Aníbal Santaella,que actualmente traballa como 3D Supervisor e Director de Arte de Telson360.

Aníbal Santaella abordará na Ourense ICC Week, todo o proceso de creación dunha curta de animación, como un proxecto de gran magnitude no que intégranse diversas áreas visuais. A masterclass terá lugar o venres, 5 de abril, ás 12.00 horas, no Auditorio da Sede Afundación.

Pola súa parte, a mesa dedicada a tendencias e tecnoloxía desta edición terá como relator ao recoñecido analista tecnolóxico Jaime García Cantero. O director de contidos de País Retina analizará o impacto que a intelixencia articificial pode ter nas nosas vidas transformando a cultura, a economía ou a política. Este evento terá lugar tamén no Auditorio da Sede Afundación, o venres 5 de abril, de 16.00 a 18.00 horas.

ICC Kids

A "Ourense ICC Week" 2019, volve a reservar un espazo para os máis pequenos no seu apartado "ICC Kids", no que se pretende achegar ós nenos ao mundo dixital e tecnolóxico sempre de forma didáctica e entretida. Nesta nova edición, este espazo corre a cargo de "crea R", os obradoiros tecnolóxicos da operadora galega, coa súa habitual fusión: rapaces, novas tecnoloxías, traballo en equipo e moita diversión.

Neste obradoiro sobre stop motion terán unha duración dunha hora na que os máis cativos poderán aprender a facer unha animación empregando esta técnica, que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de imaxes fixas.

A entrada será de balde, previa recollida na tenda R da rúa Lamas Carbajal nº 28 de Ourense. As invitacións estarán dispoñibles desde o 26 de marzo ata completar o aforo. Os cativos traballarán en equipos de 4/5 nenos agrupados por idades, ata un máximo de 30 nenos por sesión. Este espazo celebrarase no centro cultural "Marcos Valcárcel", o sábado, 6 de abril: o primeiro obradoiro será de 10.30 a 11.30 horas para os nenos de 1 a 8 anos; o segundo obradoiro será de 11.30 a 12.30 horas para os de 9 a 10 anos; e o terceiro obradoiro será de 12.30 a 13.30 horas para os de 11 a 12 anos.

Temáticas presentadas

As novidades da programación presentadas hoxe veñen a completar as xa anunciadas anteriormente centradas na posta en valor do patrimonio ourensán, a moda, a música, o humor e os videoxogos. Neste sentido cabe lembrar que a imaxe desta edición, que volve a poñer en valor o patrimonio cultural da nosa provincia, céntrase no Xadrez de San Rosendo, oito misteriosas pezas de cristal conservadas na Catedral de Ourense e que constitúen un dos vestixios máis antigos deste xogo en toda Europa. Ao redor dela celebrarase unha mesa de debate o día 4 de abril na Catedral de San Martiño na que participarán relatores de primeiro nivel como o xornalista de El País e Mestre Internacional de Xadrez, Leontxo García; o doutor de Arqueoloxía Islámica na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Valdés, quen desvelará unha importante primicia sobre este xogo durante a charla; e o historiador experto na Galicia Medieval e profesor da UNED de Ourense, Anselmo López Carreira. A mesa será moderada polo autor do libro Xaque a Jakobusland, Pablo Culebras, no que se mestura a historia do xadrez, a figura de San Rosendo e as invasións viquingas a Galicia.

Moda

Por outra banda, a xornada inaugural desta edición correrá a cargo de tres mulleres do mundo da moda que representan a marcas de prestixio internacional: Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez. O acto terá lugar o martes, 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. As entradas serán de balde, ata completar o aforo, previa inscrición na plataforma Woutick.

Música

No apartado musical estará nesta quinta edición o Premio Nacional de Belas Artes, Kiko Veneno que chega a Ourense no preámbulo da presentación do que será o seu novo disco "Sombrero Roto", un traballo rítmico e alegre do que só coñecemos polo de agora un tema: "La Higuera". A súa actuación será o venres 5 de abril, as 21.00 horas, no Teatro Principal de Ourense. As entradas teñen un custe de 18 euros, e están xa dispoñibles a través de A Taquilla.

O programa musical da ICC Week complétase con dúas citas de balde e ao aire libre. A "Sesión Reboreda ICC", na Praza Bispo Cesáreo, o venres 5 de abril ás 19.00 horas, a cargo de Soledad Vélez e Adriana Proenza, e a "Sesión Vermú" do sábado 6 de abril nos Xardíns de Padre Feijóo, a partir das 12.00 horas, cun cartel formado por Joe Crepúsculo, Los Nastys e Mounqup.

Xornalismo

Nesa liña de aposta pola diversidade creativa tamén terá cabida nesta edición o xornalismo en tódalas súas vertentes (audiovisual, radiofónica ou nas redes) da man de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio e o paranormal, que participará co seu formato en directo chamado "Cara a Cara". Trátase dunha nova experiencia de comunicación na que os asistentes poderán preguntar directamente a Iker, nun diálogo próximo no que a interacción será a clave, na procura dunha conexión total cos asistentes. O encontro terá lugar o mércores, 3 de abril, no Teatro Principal de Ourense.

Humor

Unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrias Culturais e Creativas e que nesta edición correrá a cargo do humorista, ilusionista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita, quen ofrecerá o seu monólogo "Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas", o domingo, 7 de abril, no Auditorio de Ourense.

eSports

O programa de eSports, que se desenvolverá no Liceo de Ourense entre os días 5 ao 7 de abril, abrangue supercompeticións de escuderías e Fórmula 1, torneos FIFA 19 e Fortnite, así como un simulador de rally e unha charla-coloquio sobre "Videoxogos: dos riscos ás oportunidades". As ligazóns para inscribirse nos eSports están dispoñibles na web ourenseiccweek.com.