Baltar comprométese a levar ao pleno da Deputación de Ourense a proposta da Fundación Bóveda para que o Día da Galicia Mártir, “acade a consideración e o ámbito institucional que lle corresponde”, afirma

  • Manuel Baltar destacou na inauguración da exposición "Castelao e Prada, irmaus!", que "a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da nosa identidade como pobo".

  • Diante da obra pictórica icónica do galeguismo, A derradeira leición do mestre, Baltar expresou: "Temos en Ourense a Castelao, representado a través da máis conmovedora das súas obras, a que máis e mellor esperta as conciencias".

  • O acto, celebrado na antiga biblioteca do Pazo Provincial contou, ademais, coa participación de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén.

Ourense, 7 de marzo de 2019.- A Deputación de Ourense inaugurou esta tarde na antiga biblioteca do Pazo Provincial a exposición "Castelao e Prada, irmaus!", que acolle a obra pictórica icónica do galeguismo, A derradeira leición do mestre, de Alfonso Rodríguez Castelao, que se exhibe por primeira vez na provincia de Ourense.

O acto contou coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; do escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. O titular do goberno provincial dixo que "a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da nosa identidade como pobo".

Diante da obra A derradeira leición do mestre e ao carón das cinsas do galeguista ourensano Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga, Baltar expresou: "Temos en Ourense a Castelao, representado a través da máis abraiante e conmovedora das súas obras maxistrais", subliñando que este "non é un cadro máis do insigne artista plástico, escritor e político, senón que é a obra que máis e mellor esperta as conciencias"

Na celebración, que uniu en homenaxe a Castelao, Prada e Bóveda, o presidente da Deputación de Ourense salientou a significación desta exposición: "Castelao e Prada mantiveron unha estreita amizade e unha leal colaboración política, a cal, desde a Deputación de Ourense, quixemos salientar cunha soa palabra: "irmaus", engadindo que foron moitas as accións desenvolvidas por ambos desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra -na fundación do Partido Galeguista- ata o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, data do pasamento de Castelao", "unha irmandade que para eles foi lei de vida, entrega absoluta e xenerosa, amor e servizo a Galicia. E volve ser a forza imparable da irmandade a que os xunta de novo, hoxe, en Ourense".

Baltar dixo que A derradeira leición do mestre "reflexa un intre tráxico co que Castelao denuncia a acción reaccionaria da barbarie asasina. Mais coas figuras dos nenos, co seu pranto e, sobre todo, co rostro de Bóveda, o artista consegue que aínda alente a esperanza. Alexandre, os seus ollos e a súa valentía fronte á morte, representa a luz da redención, unha Galicia martirizada pero aínda viva, xamais rendida".

O presidente do goberno provincial lembrou que para dar testemuña da tarefa de recuperación política e cultural do galeguismo, "trouxemos, hai poucos meses, as cinsas mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga. Lembramos así unha figura comprometida -Prada estivo en case todo-, e cumprimos a súa vontade de patriota de descansar na terra onde naceu, en palabras de Rodolfo Prada, "cando a democracia e a autonomía volvan ser os piares de Galicia".

Baltar destacou no seu discurso que hoxe, 7 de marzo, en Ourense "poñemos de manifesto o ideario social e económico de Alexandre Bóveda, para que o seu rostro e o seu sacrifico sexan os da memoria de todos os mártires galegos", e neste sentido comprometeuse a levar ao pleno da Deputación de Ourense a proposta da Fundación Bóveda para que o 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, "acade a consideración e o ámbito institucional que lle corresponde".

Asemade, anunciou que grazas á colaboración coa Fundación Castelao, a Deputación de Ourense vai publicar un volume, coordinado por Luís González Tosar, que recollera máis de trinta cartas que Castelao lle enviou a Rodolfo Prada, "importantes testemuñas documentais remitidas polo xefe do galeguismo político, desde Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Nova York, California ou Cuba ao seu fiel e discreto amigo e correlixionario".

Rematou o presidente Baltar o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, "sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos".

Pola súa banda, Luís González Tosar destacou na súa intervención o papel do Partido Galeguista, "do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos", e referiuse ao importante valor testemuñal da correspondencia entre Castelao e Prada, "capítulos de bonhomía e de irmandade entre dous homes, que nos ensinan o máis luminoso de Galicia, un compromiso de autenticidade e liberdade".

Amalia Bóveda expresou "a dor que supón contemplar este lenzo, mais hai compromisos dos que non se pode fuxir", e salientou que a leición do mestre ten dor pero tamén orgullo, "a memoria e grata pero tamén e molesta; e pasado e presente, e debemos facela aínda máis presente e máis pública, sen medias tintas e con valentía", dixo a filla de Alexandre Bóveda, quen expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense.

"Os nosos irmáns do pasado non entenderían situarse de perfil neste momento -afirmou-, e calquera que coñeza a Rodolfo Prada, a Castelao, a Alexandre Bóveda..., entenderíao como unha traizón máis á que someteríamos á súa memoria", destacando que é momento "de espallar con orgullo e de poñer en práctica a leición do mestre".

José María Vila Alén defendeu que a pegada "do noso galeguismo e da nosa emigración se dea a coñecer entre os novos, nas escolas", subliñando que este cadro "xúnguenos coa nosa historia e representa a Galicia que non coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo reflectir perfectamente". E rematou: "Oxalá aprendamos a leición". Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que a senlleira obra de Castelao "é máis ca un cadro, forma parte do ser de Galicia", e que a súa mensaxe "non a debemos esquecer senón mirar ao futuro coa forza da cultura e da educación".

O acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou ao inicio da celebración a Alborada de Ourense, rematando co Himno de Ourense e co Himno Galego.