Preto de 500 deportistas daranse cita no Campionato Galego de Piragüismo de Inverno

  • A proba deportiva terá lugar o 23 de febreiro, en Castrelo de Miño.

Ourense, 20 de febreiro de 2019.- Preto de 500 deportistas procedentes de 41 clubs de toda Galicia daranse cita o día 23 de febreiro, en Castrelo de Miño, no Campionato Galego de Piragüismo de Inverno, "a primeira competición oficial da tempada 2019 e ademais será un campionato clasificatorio para o Campionato de España de Piragüismo de Inverno a celebrar en Sevilla a mediados de marzo", explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández hoxe no Pazo Provincial na presentación deste evento deportivo.

No acto tamén participou o alcalde e a concelleira de Deportes de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez e Maribel Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo e do representante provincial da Federación, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; o adestrador do Club Fluvial Avión-Castrelo, Pedro Andrés García; e o representante da Secretaría Xeral para o Deporte, Manuel Pérez.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo dixo que esta proba é "o pistoletazo da nova tempada 2019 do piragüismo galego e a antesala do campionato de España de Sevilla. En ningún lugar do mundo acontece o de Galicia, 40 clubs, preto de 500 deportistas só de categoría veterana, senior e xuvenil, e continuamos a traballar para traer máis actividade para Castrelo de Miño". De feito, Alfredo Bea adiantou que entre os proxectos futuros nos que se están a traballar atópase "atraer para o ano 2020 competicións internacionais", así como que para este ano "o piragüismo galego estea no Plan XOGAPE, para que este deporte estea nos colexios, por tratarse do deporte que máis medallas e éxitos aporta a Galicia".

Outro dos obxectivos da Federación Galega de Piragüismo é "abrir este deporte a toda a cidadanía para que todos poidan gozar do deporte, da terra, da paisaxe e da defensa do mesmo", sinalou Alfredo Bea, quen afirmou que "Galicia é piragüismo".

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño agradeceu á Deputación de Ourense a súa colaboración e dixo que para o seu municipio é "unha satisfacción que non só o remo, senón tamén o piragüismo teña a súa casa no noso territorio, pois levamos tres anos consecutivos celebrando un Campionato Galego, e continuaremos a apostar para que Castrelo de Miño sexa referente dos deportes náuticos da provincia de Ourense".