"Ourense Vinis Terrae" atraerá á nosa provincia importadores de viño de 15 países

  • A Deputación de Ourense contribuirá a potenciar as denominacións de orixe de viño da provincia no marco desta feira, que terá lugar os días 1 e 2 de abril en Expourense.

  • Manuel Baltar confirmoulle hoxe á directora adxunta de Expourense, Emma González, a quen recibiu no Pazo Provincial, a colaboración da institución provincial co evento máis importante dos viños das cinco denominacións de orixe galegas.

  • Esta cooperación a prol de sector vitivinícola vai na liña do acordo adoptado pola Deputación de Ourense no debate sobre o estado da provincia de 2016, no que o presidente Baltar destacara a organización dunha feira anual, na que participarían as denominacións de orixe, "para que se visualice a importancia que ten en Galicia e no ámbito nacional a nosa produción vitivinícola, e para falar do presente e do futuro dos nosos viños".

Ourense, 4 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial á directora adxunta de Expourense, Emma González, a quen confirmou o apoio da institución provincial á feira "Ourense Vinis Terrae", o evento máis importante dos viños das cinco denominacións de orixe galegas, que se celebrará os días 1 e 2 de abril en Expourense. Baltar reafirma así a aposta da Deputación de Ourense polo sector vitivinícola, "estratéxico dentro da economía ourensá, e que ten no goberno provincial un aliado para favorecer a súa competitividade e promoción, tendo en conta a gran relevancia que a nosa provincia ten neste ámbito, ao contar con catro das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia".

Manuel Baltar destaca que con esta cooperación do goberno provincial a prol do sector vitivinícola "fortalecemos este certame e cumprimos un acordo da corporación provincial, ademais de renovar a nosa alianza con Expourense". Esta cooperación a prol de sector vitivinícola vai na liña do acordo adoptado pola Deputación de Ourense no debate sobre o estado da provincia de 2016, no que o presidente Baltar destacara a organización dunha feira anual, na que participarían as denominacións de orixe, "para que se visualice a importancia que ten en Galicia e no ámbito nacional a nosa produción vitivinícola, e para falar do presente e do futuro dos nosos viños".

"Ourense Vinis Terrae" atraerá á nosa provincia importadores de viño de 15 países. O formato do salón estará enfocado exclusivamente ao sector profesional, especialmente a fomentar o negocio e encontros B2B entre as adegas participantes e potenciais compradores procedentes de 15 países, tanto os considerados mercados Internacionais tradicionais (Centroeuropa e Estados Unidos) como novos mercados doutros continentes.

Outra das liñas será a potenciación da presencia dos viños de Ourense noutras comunidades españolas, a través de accións dirixidas á canle horeca e prescriptores, coma son os sumilleres que seleccionan as cartas de viños presentes en territorios de grande concentración turística.

Tanto compradores como prescriptores terán a oportunidade de coñecer de primeira man as zonas produtivas e adquirir así un maior coñecemento sobre as variedades autóctonas autorizadas polos consellos reguladores en territorio ourensán.

A colaboración da Deputación de Ourense facilitará, ademais, "a participación de autónomos e microempresas neste proxecto, co fin de incrementar a internacionalización deste sector produtivo da provincia", explica Baltar. "Ourense Vinis Terrae", é un salón profesional e especializado nos viños e licores de Galicia, cuxa finalidade é presentar os produtos a compradores nacionais e importadores de diferentes países do mundo.

Xantar

Na reunión, Baltar e Emma González analizaron tamén as actividades que terán lugar na celebración de Xantar 2019, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra en Expourense do 6 ao 10 de febreiro. Nesta ocasión, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de oito países, quen impartirán talleres de cociña en directo enmarcados en el XIV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible, ofrecendo ao público máis de 100 experiencias gastronómicas, ademais de contar cos integrantes da Asociación "Cociña Ourense", impulsada pola Deputación de Ourense e que foi presentada días pasados coa participación do presidente do goberno provincial e o presidente e o vicepresidente da asociación, Miguel González e Marco Varela, xunto cos cociñeiros que integran a entidade. O obxectivo de "Cociña Ourense", que terá un destacado protagonismo nesta edición de Xantar, é promover a cociña e os produtos da horta ourensá.

Baltar afirma que Xantar, como única feira internacional de turismo gastronómico de España, "é o noso gran escaparate gastronómico", salientado a importancia que este encontro ten "para difundir a riqueza enogastronómíca de Ourense, da man dos valores turísticos, termais e naturais do noso territorio provincial".