Música e tradición, no IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

  • O evento, que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de xaneiro, en Castro Caldelas, reunirá a 500 gaiteiros de grupos de Ourense, Lugo e A Coruña.

Ourense, 15 de xaneiro de 2019.- O IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas reunirá o vindeiro sábado, 19 de xaneiro, en Castro Caldelas, a partir das 11.30 horas, a 500 gaiteiros de diferentes bandas de gaitas procedentes de Lugo, A Coruña e Ourense. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

O certame celebrarase en Castro Caldelas, "municipio que foi recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España, e que acollerá este evento que será presentado polo decano do periodismo radiofónico de Galicia, Luis Rial", explicou Rosendo Fernández, quen salientou a traxectoria deste certame que ten un marcado "carácter didáctico e de transmisión dos valores culturais, sendo un dos encontros máis importantes de España a nivel da gaita".

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas "xorde no ano 2011 coa filosofía de servir de verdadeira canle cultural ás bandas de gaitas de toda a Península Ibérica, sendo un complemento educativo ao ensino recibido na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense", explicou o vicepresidente do goberno provincial.

Neste mesmo sentido, o director da Real Banda de Gaitas lembrou que "este movemento xurdiu en 1990 na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, sendo un servizo extraordinario para todas as iniciativas do mundo da gaita da Península Ibérica e tamén da emigración, porque por este evento viñeron varias bandas de gaita de Arxentina, Venezuela, e Portugal".

Pola súa parte, a alcaldesa de Castro Caldelas dixo que para o seu municipio é unha "honra acoller este evento enmarcado na Festa dos Fachós, porque isto supón un plus engadido á celebración, ao mesturar nun mesmo evento a música do certame e a etnografía da festividade". Asemade, Sara Inés Vega destacou que para ela é "un orgullo dobre esta celebración porque ademais de contar cunha ampla representación do mundo da gaita, o certame estará dedicado aos Trabazos de Castro Caldelas, construtores da música da gaita".

A IX edición deste certame contará coa participación das bandas de Ourense, Os Trabazos de Castro Caldelas, A Tarazana, Preparatorio, Ladies Band, e as Bandas de Gaitas dos concellos de Riós, Bande, Vilariño de Conso, Carballiño, Xinzo de Limia-B; de Lugo participará a banda municipal de Chantada e a Devandoira Infantil; e da Coruña a banda Agarimo de Catabois. E, a partir das 13.30 horas, actuarán as bandas de 1º Grao comezando pola de Lugo, Devandoira; de Ourense, actuará a Real Xuvenil; e rematará a banda do Concello de Monforte de Lemos, de Lugo. Posteriormente, ás 14.00 horas, será a entrega de diplomas e medallas, e ao remate, tódalas bandas interpretarán o Himno do Antergo Reino de Galicia en conxunto.