Presentación do concerto de Nadal da banda de música "A Lira" de Ribadavia

  • A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural que terá lugar o vindeiro domingo, 30 de decembro, no Teatro Principal.

Ourense, 27 de decembro de 2018.- A banda de música "A Lira" de Ribadavia ofrecerá o vindeiro domingo, 30 de decembro, ás 12.00 horas, no Teatro Principal de Ourense, o seu concerto de Nadal, unha iniciativa cultural coa que colabora a Deputación de Ourense e que conta cun variado programa de composicións que interpretarán os xóvenes músicos da banda, "pezas que son fiel reflexo do que foi este ano 2018 para nós, unha época de moito traballo, esforzo e éxitos, sentimentos e feitos que queremos transmitir a través da música", explicou Xabier Oliveira, director da banda, quen presentou no Pazo Provincial o concerto xunto ao vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e á tesoureira da agrupación musical, Leticia Rodríguez.

Rosendo Fernández destacou "a excepcional traxectoria da banda de música máis antiga de Galicia, cuxo obxectivo é preservar a tradición musical da comarca do Ribeiro, algo que fai con orgullo e sentimento de seu, referendada por prestixiosos premios como o acadado no Certame Internacional de bandas de música "Ciudad de Valencia" ou máis recentemente, o pasado mes de novembro, gañando o XII Certame Galego de Bandas de Música". "Calidade, xuventude e un gran traballo é o que caracteriza a esta formación musical, á quen damos os parabéns polos éxitos acadados", afirmou o vicepresidente da Deputación.

Leticia Rodríguez agradeceu á Deputación de Ourense "todo o apoio que nos vén dando, contribuíndo a que A Lira poida ter visibilidade na provincia de Ourense e poidamos seguir a traballar a prol da cultura das bandas de música". Neste sentido, o director subliñou que o proxecto musical da Lira "é seguir medrando en cultura, traballo e equipo", destacando que é necesario "rachar co tópico de que as bandas de música están integradas por persoas maiores", dixo Xabier Oliveira, quen explicou que no concerto ofrecerán melodías tradicionais, épicas e tamén con matices propios destas datas, "onde o sentimento e a paz agroman".

En setembro pasado, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a directivos e músicos da Lira con motivo de ter sido a gañadora do primeiro premio no Festival internacional de Valencia, o máis prestixioso do mundo, afirmando o presidente que a Deputación de Ourense continuará a colaborar con A Lira "para levar a cabo diferentes iniciativas que permitan seguir espallando os valores musicais e culturais desta senlleira formación, situada por mérito propio no elenco das banda de música máis importantes", expresou Baltar.