O OUFF presenta "Dos pés á cabeza", a monografía feita por Eduardo Galán sobre as películas de Xavier Bermúdez

  • O autor e crítico de cine analiza neste libro toda a obra do cineasta ourensán.

  • Galán destaca que é unha homenaxe feita "con admiración e cariño".

Ourense, 4 de decembro.- Dentro da intención de recuperar as publicacións propias do Ourense Film Festival, este ano editouse "Dos pés á cabeza. As películas de Xavier Bermúdez" que forma parte da nova colección das chamadas Monografías. Asina o libro o historiador cinematográfico e crítico de cine Eduardo Galán, quen asegurou non saber "se son a persoa adecuada para escribilo pero si que o fixen con moita admiración e cariño".

Galán estivo acompañado na presentación polo propio Xavier Bermúdez, Calpurnia de Honra deste OUFF, e polos membros do festival Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico, e Xosé Manoel Rodríguez, coordinador das publicacións. O OUFF caracterizouse durante moitos anos por editar numerosas monografías adicadas a un autor e a dirección deste ano quixo recuperar esta tradición.

O autor empezou falando desta monografía bilingüe dicindo que "teño medo a cando a lea Xavier porque non sabe o que hai". Tamén destacou que "Ourense é terra de cineastas e de miradas particulares e temos o orgullo de ter a Xabier entre eles, ao que inda lle queda moito por contar". O libro está dividido en 10 teimas que Galán considera que "fan fluír" a obra de Bermúdez e despois nas análises das súas películas "máis polo miúdo".

Tamén se inclúen na parte central de "Dos pés á cabeza. As películas de Xavier Bermúdez" moitas fotos prestadas polo cineasta ourensán. Precisamente el descubriu que lle estaban facendo este libro homenaxe un día e medio antes de envialo a imprenta. O director e guionista ourensán asegurou estar convencido de "que vou atopar cousas que me van a gustar e tamén a divertir" asegurándolle ao autor que "non se tiña que preocupar" de se lle iba a gustar. Aproveitou para reiterar e agradecer novamente ao OUFF todas as homenaxes que está tendo este ano.

Eduardo Galán é crítico cinematográfico dende 1977 en varios xornais e publicou unha decena de libros de cine, entre eles "Unha arte sobre raís: cen anos de cine e tren", "O bosque inanimado, cen anos de cine en Galicia", "Tarzán, héroe de celuloide y papel" e "¡Al abordaje!, piratas en el cine y la televisión". Tamén traballou na Televisión de Galicia como guionista e director de varios programas sobre o audiovisual ademais de ocuparse da Dirección de Programación durante varios anos.