Adán Aliaga presenta no OUFF a súa película "Fishbone"

  • O director alacantino presenta unha historia entre dúas illas que fala sobre a recuperación das raíces.

Ourense, 3 de decembro.- Adán Aliaga estivo hoxe luns presentando a súa película "Fishbone" dentro dos encontros do Ourense Film Festival que se producen no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O director falou sobre a súa película "Fishbone", que compite na Sección Oficial desta 23 edición do OUFF xunto con outras nove películas.

Adán Aliaga dixo que lle facía "especial ilusión" volver a Galicia, xa que non estaba dende as presentacións da súa ópera prima "La casa de mi abuela". "Estiven anos madurando esta historia que fala sobre a recuperación das raíces" comentou o alacantino. "Cada un fai o que sinte e ás veces é difícil levantar proxectos independentes pero os francotiradores do cine seguimos a facer cine con ou sen subvencións".

En "Fishbone" podemos ver a historia de Jan, unha cociñeira que vive por e para o seu traballo. A morte inesperada do seu pai obrígaa a aparcar o seu traballo en Nova York por uns días e viaxar á pequena illa onde naceu, Tabarca. Ela pensa que ten mudado, pero a illa non. Haberá un pase da cinta esta tarde ás 20:30 horas no Teatro Principal.

A película está rodada entre dúas illas, a de Manhattan e a pequena isla de Tabarca, situada fronte a cidade de Alacante. Trátase dun pequeno xogo metafórico entre as dúas neste filme que foi estreado na Mostra de València no mes de outubro e que o seu creador define como "moi sensorial".

O director Adán Aliaga, realizou estudos audiovisuais no Taller de Imaxe da Universidade de Alicante ademais de Dirección cinematográfica no CECC. Licenciouse en Historia e Estética da Cinematografía na Universidade de Valladolid. No 95 realiza as súas primeiras curtametraxes en 35 mm. En abril de 2006 estrea a súa primeira película como director, "La casa de mi abuela", coa que obtén numerosos premios internacionais. "Estigmas" foi a súa segunda longametraxe.