As Sesións Especiais do OUFF dan voz aos creadores ourensáns

  • Plácido Romero, Domingo Díaz e Marcos Fernández presentaron os seus documentais.

  • A maioría de películas desta sección están feitas ou rodadas na provincia.

Ourense, 2 de decembro.- Esta mañá coñecemos de primeira man a visión de tres creadores que exhiben as súas obras audiovisuais no Ourense Film Festival. Os cineastas Plácido Romero, Domingo Díaz e Marcos Fernández presentaron os seus documentais, que forman parte das Sesións Especiais do festival, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Os traballos que se recollen nesta área do OUFF, que "é unha das máis lonxevas e queridas polo público" en palabras de César Silva, coordinador das Sesións Especiais, destacan pola súa singularidade e precisan dun espazo propio dentro do certame.

Plácido Romero presentou "O tempo da luparia", un documental sobre como afecta o paso do tempo ao concello de Lobeira. "O documental arranca con imaxes da escola e de nenos de 5-6 anos e despois vemos a esas mesmas persoas de 35 no mesmo escenario, que xa non é un colexio" comentou Romero, que dixo terlle moito cariño a súa peza porque é moi persoal.

En "O desafío do Sil", Domingo Díaz lévanos atrás no tempo para descubrir a construción dos Saltos do Sil pero tamén para ver como a chegada destas inmensas obras e de moito persoal afectou ás zonas limítrofes. "O final o cine é xogar co tempo" e por iso poderemos ver imaxes rodadas nos últimos anos xunto con imaxes de arquivo que plasmaron o levantamento dos encoros pero tamén aos seus traballadores.

Marcos Fernández falou sobre "La casa", o documental que quere ser "unha homenaxe á Casa da Xuventude de Ourense, un lugar que para moitos ourensáns foi máis un fogar e un punto de encontro ca un simple edificio". Antigos socios, traballadores e colaboradores desfilan pola cinta para falar sobre as súas experiencias e vivencias no lugar. "Tamén quería que servira de recordo a Benito Losada, eterno director da casa, e a Juan Manuel de Sas, o porteiro e segundo pai de moitos" afirmou Fernández.

"O tempo na luparia" poderase ver o día 4 ás 18 horas e "O Desafío do Sil" o 3, tamén ás 18 horas, ambos no Cine Club Padre Feijoo. "La Casa" proxéctase o día 4 ás 18 horas na Sala Azul do Auditorio.