Ourense enxalza o legado cultural de Mestre Vide

  • A Deputación de Ourense colabora cos novos actos que impulsa o músico Óscar Ibáñez para conmemorar o 125 aniversario do seu nacemento.

  • Un traballo discográfico, unha placa e un concerto, continuarán a poñer en valor a obra e vida deste compositor ourensán.

Ourense, 29 de novembro de 2018.- Ourense enxalza o legado cultural de Mestre Vide a través de diversos actos conmemorativos co gallo do 125 aniversario do seu nacemento, accións que comezaron a desenvolverse o pasado mes de outubro e que continúan coa presentación dun traballo discográfico, dunha placa e un concerto que contribuirán a poñer en valor a obra e vida deste compositor ourensán.

A presentación destes actos conmemorativos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias; a neta do Mestre Vide, Carmen Fernández; a pianista, Noemí Salomón; e o músico Óscar Ibáñez.

"Trátase de continuar a traballar a prol da memoria cultural da nosa provincia, cunha iniciativa que recupera a obra de Mestre Vide, recoñecendo a súa achega e traxectoria ao mundo da docencia e da música", sinalou o vicepresidente do goberno provincia. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística dixo que con estas iniciativas "recuperamos a música dos autores que son fundamentais para entender a Galicia do século XXI" e, en concreto, de que "dotou de contemporalidade a música da súa terra, na Auria, que n aquel momento era o principal foco cultural da nosa terra", engadiu Valentín García.

Para conmemorar tal efeméride presentouse o traballo discográfico "Mestre Vide. Obra para piano e canto piano", un traballo de piano de Noemí Salomón e da soprano Anaís Fernández.Un total de 240 minutos de música gravada máis un libreto con textos musicólogos Carlos Villanueva e Javier Jurado e do fillo do compositor, Antonio Fernández García-Vide, sobre a vida, a obra e a personalidade do compositor. "A súa música segue durmida nos libros non está completamente divulgada, polo que cremos que a mellor maneira de lembrala e homenaxeala é a través deste traballo discográfico, con 24 obras de piano e 21 de canto-piano", sinalou Óscar Ibáñez.

Así mesmo, para o día 3 de decembro, terá lugar ás 18.00 horas a inauguración dunha placa conmemorativa na rúa Tendas 5, onde intervirá a Coral de Liceo. Posteriormente, ás 20.30 horas, celebrarase un concerto de presentación, no Auditorio Municipal de Ourense, do traballo discográfico de Noemí Salomón, coa colaboración especial da bailarina Eva Faraldo.

Con estas novas accións culturais que veñen a complementar ás xa celebradas con motivo do 125 aniversario do nacemento do Mestre Vide, "Ourense cumpre co seu deber de homenaxear a este ourensán universal que deixou unha enorme pegada na cultura da nosa cidade, e que fixo de Ourense o seu fogar", lembrou Belén Iglesias.