A Deputación de Ourense financia a produción da obra "Proxecto Noee" de Sarabela Teatro

  • O estreo será no Auditorio Municipal de Barbadás mañá venres, 23 de novembro, ás 19.00 horas.

Ourense, 22 de novembro de 2018.- A Deputación de Ourense, a través da Rede de Auditorios Provincial de Ourense, financia a produción da obra "Proxecto Noee", de Sarabela Teatro, un espectáculo deseñado para gozar en familia e que se estreará mañá venres, 23 de decembro, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal de Barbadás, e continuará a representarse nos diferentes municipios que integran a Rede. A presentación da obra tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e a directora da obra, Fina Calleja.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta obra de "gran interese cultural" ten vocación de ser "un espectáculo familiar, con diálogos de ficción nos que se introducen elementos marabillosos mesturados con elementos recoñecibles da vida" e destacou a experiencia en espectáculos familiares de Sarabela con obras como "O secuestro da bibliotecaria", "O último dragón", "A Voar", entre moitas outras.

"Proxecto Noee" é "un proxecto mimado desde hai tempo, que comezamos a ensaiar no pasado mes de xuño, e que mañá presentaremos por primeira vez aos máis pequenos para que acompañados dos seus pais, gocen dun espectáculo pensado para as familias", explicou Fina Calleja. En "Proxecto Noee", tres pingüíns, que son os tres únicos protagonistas, enfrontaranse ás consecuencias do cambio climático, nun percorrido divertido no que vai a imperar a amizade. Neste sentido, a directora da obra destacou que o teatro "ten que ten valor por si mesmo" e neste espectáculo estarán presentes os valores da "amizade, a igualdade, o espírito crítico e a conservación do planeta".

O espectáculo xirará pola Rede de Auditorios Provincial de Ourense creada hai tres anos pola Deputación de Ourense e que ten actualmente a 27 concellos da provincia adheridos, "cun resultado magnífico de difusión da cultura, no que a institución provincial asume na maior parte dos casos ata un 75% do financiamento dos espectáculos", destacou Aurelio Gómez Villar. Así mesmo, o asesor de Cultura da Deputación de Ourense dixo que por primeira vez, nesta ocasión, "co orzamento da propia Rede finánciase a montaxe desta obra, contribuíndo a producir os espectáculos que nela se celebran e a fortalecela".

Programación

A obra estará en Barbadás novamente o día 25 de novembro, e posteriormente continuará polos auditorios da Rede, chegando o venres, 21 de decembro, ao Local Social "Escolas Vellas" de Xunqueira de Ambía e o 28 de decembro ao Auditorio Municipal "Julio Vázquez", na Pobra de Trives. Ao día seguinte, o 29 de decembro estará no Patio do Museo da Limia en Vilar de Santos e o domingo, 30 de decembro, estará no Salón de Actos da Casa de Cultura de Viana do Bolo. O venres, 4 de xaneiro, estará no Auditorio da Peroxa. Estes son os primeiros concellos que acollerán este espectáculo que "nace con vocación de chegar a toda a provincia", sinalou Fina Calleja.