"Raigame" converte un ano máis a Vilanova dos Infantes na capital etnográfica de Galicia

  • O evento, declarado "Festa de Interese Turístico de Galicia", é unha homenaxe aos oficios tradicionais galegos e premia a entidades que traballan na defensa das tradicións galegas.
  • A Deputación de Ourense colabora dende o seu inicio "con este parque temático cultural do noso", como o definiu hoxe Manuel Baltar no acto de presentación.

Cada 17 de maio, Día das Letras Galegas, a vila de Vilanova dos Infantes (Celanova) "convértese na capital cultural e etnográfica de Galicia, un verdadeiro parque temático interactivo do noso, que pon en valor as tradicións da nosa terra". Así definiu hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a celebración da romaría etnográfica máis importante das que se celebran en Galicia, "Raigame", que este ano chega a súa 12ª edición, co apoio da institución provincial.

Esta celebración de exaltación das tradicións, declarada "Festa de Interese Turístico de Galicia", reúne cada ano ao redor da torre e do burgo medieval de Vilanova dos Infantes a milleiros de persoas que se achegan "para realizar a súa particular viaxe no tempo, que nos permite lembrar pero tamén potenciar as tradicións dos gremios e artesáns galegos doutros tempos, e tamén fornecer a nosa cultura con maiúsculas, integrada polo noso idioma e a nosa etnografía", explicou Baltar.

O acto de presentación tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcarcel" da Deputación de Ourense, e contou coa presenza, ademais do presidente provincial, do alcalde de Celanova, José Luis Ferro; da directora do Centro de Cultural Popular "Xaquín Lorenzo", Mariló Fernández Senra, e do profesor Xosé Manuel Cid.

A celebración da Romaría Etnográfica "Raigame" enmárcase dentro do proxecto de posta en valor do núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, como un elemento máis do potencial turístico-cutural que oferta Celanova dentro do programa "Celanova, un paseo pola historia de Galicia", que pretende dar a coñecer os momentos máis importantes da historia de Galicia a través dun curto percorrido xeográfico, pero dun gran salto a través da historia, como son o mundo castrexo de Castromao, a etapa alto-medieval de San Miguel a riqueza baixo-medieval de Vilanova dos Infantes, o esplendor do barroco do Mosteiro de San Rosendo e o rexurdimento da lingua galega da Casa dos Poetas.

"Raigame" consolídase dende o ano 2002 como un certame festivo-artesanal no que se pretende destacar as singularidades e características que conserva o pobo de Vilanova dos Infantes e, por extensión, toda Galicia. As numerosas actividades que se desenvolven abranguen teatro e monicreques, música, e ambientación polas rúas, ao que se engaden bailes populares, xogos, contacontos, artesanía, exposicións e un concurso de fotografía.

O circo, protagonista este ano

Nesta XII edición "Raigame" rende homenaxe a Secundino Feijoo, fundador do Circo Feijoo a finais do século XIX, e o Padre Silva, creador do Circo dos Muchachos a mediados do século XX, veciños ámbolos dous de Vilanova dos Infantes, que levaron o nome de Ourense por todo o mundo cos seus espectáculos circenses.

Preséntase tamén o premio honorífico "Xoan de Barros", que nesta edición se entregará a título póstumo ao antropólogo Xosé Antón Fidalgo Santamariña. O premio recoñece a persoas ou colectivos o traballo e a colaboración na promoción e actividades da romaría, así como os valores etnográficos que "Raigame" pretende exaltar.

O traballo que Fidalgo Santamariña realizou sobre a parroquia de Vilanova dos Infantes foi clave para o desenvolvemento da realidade etnográfica e cultural que hoxe é "Raigame", coa que cada ano os ourensáns celebran o Día das Letras Galegas. Co gallo da entrega do premio Xoan de Barros presentarase tamén o libro de actas do congreso "Os camiños de Santiago: miradas e experiencias", congreso no que participou tamén Xosé Antón Fidalgo Santamariña.